jueves. 11.08.2022

A Área Sanitaria renova o seu convenio de colaboración coa AECC

O convenio contempla a cesión de uso da sala do HPV e regula e recolle os obxectivos das labores de voluntariado en prol dos enfermos oncolóxicos nos tres centros da provincia

A Área Sanitaria renova o seu convenio de colaboración coa AECC

A actividade de voluntariado da Asociación Española contra o Cancro retorna desde hoxe aos tres hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde na provincia, onde desenvolven unha labor social e de apoio aos pacientes oncolóxicos e ás súas familias, cunha presenza e actividade constante amparada no convenio de colaboración que ambas institucións veñen de renovar.

O convenio contempla a cesión de uso de tres salas, no Hospital Universitario de Ourense e nos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras, e regula e recolle os obxectivos das labores de voluntariado, desenvolvidas pola asociación, en prol dos enfermos oncolóxicos nos tres centros, xa que, ademais do da cidade, na nosa provincia os comarcais tamén ofertan asistencia oncolóxica, con consultas e hospitais de día, para os tratamentos de quimioterapia, algo moi pouco habitual fora de Ourense.

Por elo, a AECC conta cun despacho propio en cada centro hospitalario, dotado con liña telefónica e equipo informático, desde o que organizar a labor dos voluntarios, así como ofertar atención personalizada aos pacientes, ou desenvolver diversas actividades. Pola súa parte, a Asociación aporta o seu persoal e os e as voluntarias, responsabilizándose da súa selección e formación, ademais de equipalos e identificalos.

O obxectivo principal dos voluntarios e persoal da AECC nos hospitais é prestar servizos de apoio e acompañamento, orientación, apoio psicolóxico e social, contando cun programa específico de “primeiro impacto”, para axudar aos pacientes que veñen de ser diagnosticados e súas familias.

Evitar traslados 

Ourense foi a primeira provincia a nivel nacional en descentralizar o tratamento oncolóxico, por medio da creación de Hospitais de Día e consultas oncolóxicas para o tratamento quimioterapéutico dos pacientes destas bisbarras, evitando así o seu desprazamento ao hospital de referencia en Ourense

Estes tratamentos, están dispoñibles habitualmente só nos hospitais xerais, o que obriga as veces aos pacientes a longos desprazamentos, antes e despois de recibir tratamento, ou para consulta.

Con esta medida, o Servizo de Oncoloxía Médica foi o primeiro en traballar en clave de Área Sanitaria, moito antes incluso de que este modelo de xestión de coordinación de recursos se implantase nos distintos Servizos de Saúde. Con elo optouse por priorizar a coordinación interhospitalaria, con vocación de humanizar a asistencia e a calidade de vida do paciente oncolóxico, evitándolle viaxes e traslados, co obxectivo último de garantir a equidade, universalidade e accesibilidade dos cidadáns á sanidade pública, indistintamente do seu lugar de residencia.

Entre ambos comarcais atenden a unha media anual de máis de 200 pacientes, evitando así miles de desprazamentos, xa que unha das características destes tratamentos é a súa administración por ciclos. Cada ciclo está composto a súa vez por un número variable de sesións de quimioterapia, polo que a duración destes depende de cada doente e da súa evolución.

A Área Sanitaria renova o seu convenio de colaboración coa AECC