domingo. 12.10.2025

Rueda anuncia axudas para os afectados polos incendios en Ourense

Paralelamente ao anuncio da Xunta, a Deputación de Ourense aprobou na súa última Xunta de Goberno un paquete de medidas que mobiliza preto de 2,8 millóns de euros, dos cales 1,2 millóns irán destinados á prevención de lumes forestais
somoscomarca_trives_incendio_ume (8)
Rueda anuncia axudas para os afectados polos incendios en Ourense

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este luns que o Goberno galego aprobará a vindeira semana un paquete de axudas para paliar os danos causados polos incendios forestais que estes días afectan con especial intensidade á provincia de Ourense. O anuncio tivo lugar tras facer balance da situación e da chegada de novos medios do Estado.

Rueda explicou que, unha vez os lumes estean controlados, será necesario cuantificar os danos «para de inmediato resarcir aos damnificados e que poidan recuperar todo o que perderon». Para iso, a Xunta convocará un Consello extraordinario en Ourense, no que se aprobará a configuración destas axudas, e pedirá tamén a implicación doutras administracións, tanto locais como estatal.

Segundo detallou, os apoios económicos dirixiranse a explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras, titulares de tecores, establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos, así como á reparación de infraestruturas e vivendas afectadas. O plan tamén contempla o aloxamento provisional das persoas que se viron desprazadas polos lumes.

En relación aos medios despregados, o presidente da Xunta informou da incorporación de arredor de 200 militares en apoio á Garda Civil, outros 58 da operación Centinela, catro operadores de maquinaria para crear cortalumes, tres buldóceres que chegarán hoxe e diverso material de intendencia, como camións, autobuses e grupos electróxenos. Aínda así, Rueda recalcou que estes recursos «non son suficientes» e reclamou máis medios de maneira inmediata, sobre todo maquinaria pesada e medios aéreos.

O mandatario galego lembrou que os únicos recursos europeos despregados ata agora foron dous hidroavións FOCA enviados desde Francia, e subliñou que neste momento non hai ningún outro medio procedente doutros países da UE traballando en Galicia.

Finalmente, Rueda agradeceu o esforzo de todas as persoas que están a traballar sen descanso na extinción dos lumes e sinalou que nas próximas horas se tomará unha decisión sobre o restablecemento das conexións ferroviarias entre Galicia e a Meseta.

Reforzo da Deputación

Paralelamente ao anuncio da Xunta, a Deputación de Ourense aprobou na súa última Xunta de Goberno un paquete de medidas que mobiliza preto de 2,8 millóns de euros, dos cales 1,2 millóns irán destinados á prevención de lumes forestais. Estes fondos permitirán que doce concellos —entre eles Carballeda de Valdeorras, A Pobra de Trives, Verín ou Vilardevós— poidan adquirir maquinaria fundamental para o mantemento do territorio e a redución do risco de incendios.

O presidente provincial, Luis Menor, subliñou que a institución estivo «desde o minuto un e con implicación total» no operativo que coordina a Xunta desde o CECOP, poñendo a disposición todos os seus medios humanos e técnicos. Ademais, anunciou a incorporación de tres operativos de bombeiros procedentes de Málaga, froito das xestións realizadas no marco da FEMP, que reforzarán os parques provinciais e aumentarán a capacidade de resposta no terreo.

Menor recalcou que este convenio con Medio Rural para dotar de recursos preventivos aos concellos é «un paso moi importante para fomentar o mantemento da contorna agroforestal» e comprometeuse a manter o apoio da Deputación nos próximos anos.

Rueda anuncia axudas para os afectados polos incendios en Ourense