Galicia alcanzou ao remate de 2025 un novo récord no número de títulos de familia numerosa en vigor, con 32.750 acreditacións activas a 31 de decembro. A cifra supón 1.531 títulos máis que un ano antes, o que representa un incremento do 4,9 %.
Na provincia de Ourense contabilizábanse ao peche do exercicio 2.879 títulos en vigor, mentres que ao longo de 2025 se expediron 1.184 novas acreditacións.
A Coruña concentra o maior número de títulos activos, con 13.886, seguida de Pontevedra, con 12.901; Lugo, con 3.084; e Ourense. En canto ás novas expedicións realizadas durante o ano, A Coruña rexistrou 4.926, Pontevedra 4.717, Lugo 1.203 e Ourense 1.184.
Do total de títulos vixentes en Galicia, 28.638 corresponden á categoría xeral, o 87,4 %, e 4.112 á categoría especial, que representa o 12,6 %.
Beneficios para as familias
O recoñecemento da condición de familia numerosa permite acceder a diferentes vantaxes e programas de apoio. Entre eles figuran deducións fiscais, beneficios en materia de educación e conciliación, axudas de vivenda, bonificacións no transporte e descontos a través do Carné Familiar Galego.
Desde a Xunta sinalan que o incremento consolida a tendencia ascendente dos últimos anos e reflicte o aumento do número de familias que teñen recoñecida esta condición na comunidade.
