A Xunta de Galicia inaugurou este venres no Museo Centro Gaiás unha nova edición do Galiverso, centrada nesta ocasión na astronomía e na gran eclipse total de Sol que poderá observarse o próximo 12 de agosto.
Baixo o título «Galiverso explora o ceo», a experiencia combina realidade virtual, divulgación científica e patrimonio para ofrecer unha viaxe inmersiva polos ceos máis destacados de Galicia, entre eles o do Observatorio Astronómico de Pena Trevinca, un dos mellores lugares da comunidade para a observación do firmamento.
A proposta inclúe dúas experiencias diferenciadas. A primeira permite descubrir espazos singulares vinculados á astronomía, como Pena Trevinca, a casa natal de Ramón María Aller en Lalín, o dolmen de Axeitos ou o mar de ardora da praia de Louro.
A segunda, desenvolvida en colaboración co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago, ofrece unha experiencia interactiva na que os visitantes poden comprender o funcionamento do sistema Sol-Terra-Lúa manipulando os seus movementos e recreando a serie de eclipses que serán visibles desde Galicia durante os próximos anos.
Durante a inauguración, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que a iniciativa busca achegar o coñecemento científico á cidadanía mediante tecnoloxías inmersivas e servir de preparación para un dos acontecementos astronómicos máis importantes das últimas décadas.
A experiencia complétase coa exposición «Explorar o ceo. Aprender astronomía», organizada en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia, na que se exhiben instrumentos históricos, planetarios, esferas armilares e unha edición de 1566 da obra «De revolutionibus orbium coelestium», de Nicolás Copérnico.
A entrada á actividade é gratuíta mediante reserva previa en Ataquilla.
