
Eladio Santos traslada apoio en O Barco aos veciños e á UME
Ademais, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anuncia o envío de 200 militares máis para reforzar o dispositivo contra os lumes en Galicia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou este luns distintas zonas do Barco de Valdeorras afectadas polo incendio iniciado en Seadur, no concello de Larouco, para trasladar persoalmente o apoio do Executivo á cidadanía. Santos explicou que mantén un contacto permanente cos alcaldes e alcaldesas da zona co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades de cada núcleo de poboación e ofrecer a colaboración e cooperación do Goberno de España nesta emerxencia.
No marco da súa visita, o subdelegado achegouse tamén á base da Unidade Militar de Emerxencias (UME) situada no pavillón de O Barco. Alí quixo agradecer expresamente aos efectivos despregados a súa labor esencial na loita contra os incendios forestais que afectan a diferentes puntos da provincia de Ourense.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a incorporación desde hoxe de 200 militares máis —100 da Brilat e 100 da Bripac— ao dispositivo de loita contra os lumes. «É unha mostra máis do compromiso do Goberno con Galicia e coa emerxencia que está a sufrir unha parte do seu territorio, un compromiso que se traduce en feitos concretos e útiles para a cidadanía», apuntou Blanco.