Vento de abondo e frío intenso marcaron unha xornada na que, malia todo, o sol acompañou e quentou o ambiente, facendo que o brillo dos traxes e das máscaras resultase aínda máis fermoso, intenso e colorido. O vento contribuíu tamén a espallar máis lonxe ca nunca o son dos folións, dos bombos, das aixadas e das cornas, enchendo de música e forza todo o val de Vilariño de Conso.
Este ano, o desfile mudou o seu percorrido habitual e, no canto de baixar pola rúa principal, fíxoo por un camiño recentemente acondicionado con formigón, unha zona que antes se convertía en lama polo paso da auga entre os verdes prados. A elección resultou un acerto tanto pola paisaxe como polo carácter singular do lugar.
Doce folións percorreron as rúas desde o centro de sañude ata a zona recreativa do Cenza. O Folión de Vilariño foi o que abriu o desfile seguido dos de Pradoalbar, O Val, Mormentelos, Buxán, Manzaneda, As Carrelas, Carracedo da Serra, Bembibre, Os lardeiros, Alternativo de Viana ou Chaguazoso, que lograron poñer os pelos de punta e espertar tamén certo respecto ao paso das máscaras.
Os máis pequenos abrían cada un dos folións, unha imaxe que confirma que a tradición segue moi viva entre as novas xeracións. Son moitos os nenos e nenas aos que lles gusta e lles tira a cultura da súa terra: bailan cos seus pais ou cos seus avós, tocan o bombo con eles e reproducen á perfección os movementos dos boteiros. Un relevo natural que é, sen dúbida, unha excelente noticia para o futuro da festa.
Outro feito que non falla cando un folión toca son os nudelos ensanguentados de moitas das persoas que empuñan o mazo de tocar o bombo. Homes e mulleres déixanse levar pola paixón do toque e acaban coa pel do bombo ensangentada e a súa case deixando descuberto a carne, pero cando lles preguntas, afirman non sentir dor. O único que teñen é unha enorme ganas de entregarse por completo á música e ao seu papel, mesmo sabendo que iso pode traer pequenas consecuencias físicas.
O desfile percorreu o traxecto desde a parte alta de Vilariño ata a zona recreativa do Cenza, onde se celebrou o xantar da trixésimo sexta edición da Festa do Cabrito, que deu comezo pasadas as tres da tarde.
A celebración contou coa presenza da alcaldesa anfitrioa, Melisa Macías, xunto co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles; e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Tamén asistiron numerosos alcaldes e alcaldesas, entre eles os de San Xoán de Río, Manzaneda, Larouco e Viana, así como membros de corporacións municipais doutros concellos da contorna.
En total, reuníronse arredor de 2.000 persoas, das cales unhas 1.100 participaron no xantar no pavillón e arredor de 800 na carpa instalada para a ocasión.
O menú estivo composto por sopa, chourizo con cachelos, cabrito con ensalada —destacando polo seu excelente punto de asado e sabor— e unha deliciosa bica. A comida completouse con café e licores.
A Festa dio Cabrito tamén lugar de encontro de persoas chegadas de moitos puntos de Galicia, desde a Costa da Morte ata Vigo, así como doutras partes de España, do País Vasco a Alacant. A cita contou tamén cun grupo de 26 persoas chegadas da man de Chelo, unha trivesa que regresou á súa terra e que agora a está a amosar con orgullo. A festa traspasou fronteiras, con presenza de visitantes procedentes de países como Francia, Alemaña ou Suíza.
Xa ao remate, os boteiros percorreron as mesas cos seus berros característicos, achegando aínda máis intensidade á festa, mentres o DJ Josete puxo ritmo á tarde-noite, pechando unha xornada marcada pola tradición, a música e a convivencia.
