A central sindical CIG-Saúde denunciou publicamente a falta de cobertura médica no concello de Vilariño de Conso o pasado 5 de xaneiro de 2026, unha situación que cualifican de «acto de desprezo e irresponsabilidade» cara á veciñanza. Segundo sinala Jesús Vilasánchez, delegado sindical de CIG-Saúde, non se trata dun feito illado, xa que ao longo do ano 2025 xa se rexistraron episodios similares nos meses de xullo e novembro.
Desde o sindicato lembran que Vilariño de Conso conta cunha poboación maioritariamente rural, dispersa e envellecida, con importantes dificultades de mobilidade, carencia de medios de comunicación axeitados e grandes distancias entre o núcleo principal e os lugares máis periféricos do concello, o que agrava as consecuencias da ausencia de atención sanitaria.
A central sindical considera que a situación podería terse evitado se existisen canles de comunicación máis áxiles e eficaces entre a cidadanía, os profesionais clínico-asistenciais e a Xerencia e direccións do Sergas do distrito e da área sanitaria correspondente. Ao seu xuízo, o distanciamento entre a actual administración sanitaria e os seus administrados está a provocar actuacións que consideran perigosas e irresponsables.
Advirten tamén de que esta falta de cobertura se produciu tras unha fin de semana e ás portas dun festivo, o que supuxo que a poboación do concello estivese ata catro días consecutivos sen atención médica ordinaria nin urxente.
Ante esta situación, o sindicato insta á Xerencia do Sergas a interesarse de maneira real polo rural ourensán e a ter en conta as súas características socioeconómicas e demográficas, co obxectivo de evitar que se repitan episodios de non cobertura médica que, segundo denuncian, están a converterse nun problema demasiado frecuente en concellos do rural ourensán.
Resposta do Sergas
Pola súa banda, a Dirección de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras respondeu á denuncia sinalando que, co obxectivo de garantir tanto a asistencia sanitaria como o dereito ás vacacións dos profesionais, se procedeu á reorganización da atención sanitaria no Centro de Saúde de Vilariño de Conso durante esa xornada.
Segundo explica o Sergas, a atención médica ordinaria foi trasladada de maneira puntual ao Centro de Saúde de Viana do Bolo, mentres que a continuidade asistencial estivo garantida durante a mañá coa presenza permanente de persoal de enfermaría, encargado de dar resposta á demanda asistencial habitual e asegurar a continuidade dos coidados.
Desde a área sanitaria indican tamén que en todo momento estivo activado o protocolo de derivación ao servizo de urxencias sanitarias 061, no caso de que fose necesario.
A Dirección Médica recoñece que a falta de profesionais médicos nas listas de contratación para cubrir ausencias en determinadas épocas do ano é unha problemática que non afecta unicamente a Ourense, senón que se estende ao conxunto do Estado. Así mesmo, lamenta as molestias ocasionadas aos usuarios e asegura que a actividade médica habitual no Centro de Saúde de Vilariño de Conso retomarase con normalidade o vindeiro mércores.


