
O doutor Rafael López López (Vilamartín de Valdeorras, 1959) recibirá o premio Ourensanía 2025, un recoñecemento honorífico da Deputación de Ourense ás persoas ourensás ou vinculadas coa provincia que destacan polo seu labor profesional, social ou intelectual.
O xurado destacou que o galardón recoñece «non só os seus méritos profesionais, senón tamén, e de xeito moi especial, a súa profunda e constante vinculación coa provincia de Ourense, que mantivo viva ao longo dos anos desde a súa actividade profesional, académica e persoal». Tamén salientou que «Ourense está presente no seu traballo, no seu discurso e na súa maneira de entender a medicina como un servizo á comunidade».
Reconecemento á súa traxectoria
Rafael López é xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, director do Grupo de Oncoloxía Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e profesor titular da Facultade de Medicina da USC. É un dos maiores especialistas en oncoloxía traslacional e biopsia líquida, ámbito no que o seu grupo é referencia en España. Ademais, asumiu recentemente a presidencia da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).
O presidente da Deputación, Luis Menor, foi o encargado de comunicar oficialmente a decisión, felicitando ao doutor «pola súa ampla traxectoria profesional na especialidade de Oncoloxía». Pola súa banda, López manifestou que recibir este premio «é unha honra».
Unanimidade no xurado
A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido por Luis Menor e integrado por Luis González Tosar, Eva Torres, José Manuel Díaz Barreiros e Maribel Outeiriño. Como secretario actuou Marcos Vázquez, director da Área de Cultura da Deputación.

A entrega do galardón celebrarase o vindeiro 10 de novembro no Teatro Principal de Ourense.
Un embaixador da Ourensanía na ciencia
Coa súa traxectoria, Rafael López acumulou máis de 150 ensaios clínicos como investigador principal, foi relator da Estratexia de Cancro do Ministerio de Sanidade e é autor de máis de 200 publicacións científicas. Participou en máis de dez patentes e en tres spin off, ademais de ocupar cargos de responsabilidade en sociedades científicas nacionais e internacionais.
Segundo recolle a acta do xurado, con este galardón a provincia quere devolverlle ao doutor López «unha pequena parte do moito que el lle ten entregado, sendo un orgulloso embaixador da Ourensanía no mundo da ciencia e da sanidade».