viernes. 19.04.2024

Despois de ser recoñecido como fillo predilecto nun acto no Concello de Vilamartín, Rafael López era recibido no Complexo Hostaleiro Paladium cun xantar multitudinario no que participaron 250 persoas. Agradeceu ás autoridades, á veciñanza e ás asociacións. «Grazas por agasallarme con este dia de felicidade, porque só teño gratitude co meu pobo», subliñou.

Así, fixo un percorrido de agradecemento á súa familia, «ensináronme a ter os pés na terra». Recordou en primeiro lugar aos seus avós. A Avelino, do que aprendeu á cultura do esforzo; a Manuela «que é a culpable de que cociñe na miña casa a día de hoxe»; a Josefa; e a Avelino “o tacaño”, «xa que a miña vida sería diferente. Costoume convencelo para que me deixase acompañalo no tren, unha aventura coa que aprendín a mirar máis alá do noso pobo, a ver outras experiencias e a outra xente que me axudou como profesional e como persoa».

somoscomarca_trives_miradoiros_2023201
Mesa presidencial de la comida homenaje a Rafael López

Dos seus pais, Manolo e Tina, puxo en valor que «traballaron para conseguir sacar unha familia adiante. Aínda vexo nos seus ollos o brillo que senten de orgullo polos seus fillos». E da súa irmá Maribel, o seu marido José e os seus sobriños, «que manteñen a tradición familiar vitícola».

somoscomarca_trives_miradoiros_2023198
Durante a súa intervención que engaiolou e deixou abraiados a todos os que ali estábamos

Por último non puido faltar o agradecemento á súa dona Pilar «o meu sostén, namorada da súa terra asturiana conseguiu que os nosos fillos conservaran o amor polas dúas terras».

E é que a familia é un pilar importante para o oncólogo vilamartinés. De feito, recalcou que os seus compromisos son «a familia, Vilamartín e acabar co cancro».

López recoñeceu que cando se lle propuxo ser fillo predilecto pensou: «¿Como un rapaz de aldea que foi á escola de Don José se merecía tanta honra? Veume á cabeza as 'Memorias dun neno labrego' de Neira Vilas. Véxome representado nun neno de Vilamartín que non era parvo e tentou andar pola vida cos ollos abertos e cun feixe de preguntas».

somoscomarca_trives_miradoiros_2023267
Rafael conversando con MIguel Ángel Santalices

Ademais, quixo recoñecer o valor dos veciños de Vilamartín: «A verdadeira honra e mérito é o voso, que esta terra dea os seus froitos. Pero sen dúbida quedan grandes retos como coidar mellor a terra para que xere mellores proveitos, adaptarse ao cambio para que sexa sostible o paraíso de Valdeorras».

Rafael López tendeu a man aos valdeorreses, «eu sempre estarei á beira de Vilamartín e Valdeorras e podedes contar comigo para conseguir un pobo mellor e en paz. Nunca farei o suficiente para devolver esta honra».

Vídeo da intervención de Rafael López:

Enrique Álvarez: “Coa súa dedicación, traballo e investigacións regálanos esperanza e calidade de vida”

Despois da intervención do doutor López, diversos persoeiros da vila quixeron mostrar o seu agradecemento. O primeiro en intervir foi o alcalde da vila, Enrique Álvarez, agradecendo ás autoridades, asociacións, corporación municipal e veciños a súa presenza e axuda. «Grazas sobre todo ao doutor Rafael López que coa súa dedicación, traballo e investigacións regálanos esperanza e calidade de vida», concluía.

somoscomarca_trives_miradoiros_2023265
Momento de conversa e complicidade de Rafael e Enrique antes do xantar

 

Julio García Comesaña: “Non é só vilamartinés de honra, senón que tamén é galego de honra”

Así, pasáballe a quenda ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña: «É unha honra atoparme hoxe aquí representando aos traballadores da saúde e quero transmitir o respecto de todo o mundo da saúde».

Así, resaltaba a labor do doutor, «Rafael López non é só vilamartinés de honra, senón que tamén é galego de honra». Destacou a súa contribución «decisiva» na investigación e o tratamento contra o cancro en Galicia.

«A súa coordinación no servizo de oncoloxía de Santiago supuxo un antes e un despois e converteuse nun dos mellores servizos de Galicia e toda España e en Oncomet fixo que fora unha referencia no ámbito nacional e internacional, con especial recoñecemento á biopsia líquida», resaltaba Comesaña, «hoxe grazas ao seu esforzo, temos esa ferramenta en moitos hospitais»

Ademais, fixo fincapé na súa faceta docente: «Unha das garantías que temos de que todo ese saber que pose siga pervivindo con nós é nos futuros médicos que está axudando a formar. Hoxe non só nomeades a un fillo predilecto, senón tamén a unha persoa amable, profesional e dunha enorme talla humana».

somoscomarca_trives_miradoiros_2023188
Julio García Comesaña e os oncologos do CHUAC  e do HPV, García Mata e Iago Aguín, non faltaron ao xantar

 

Santiago Ferrer: «Xa apuntaba maneiras con respecto aos nenos do pobo»

O arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer fixo un percorrido pola nenez do doutor, na que compartiron a década dos 60. «Rafa xa apuntaba maneiras con respecto aos nenos do pobo, aínda que estes primeiros anos de convivencia estiveron condicionados pola Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, xa que aínda que nós naceramos máis tarde, podíase palpar».

Ferrer poñía o foco nos primeiros recordos: «Foron na escola, Rafa destacaba nas matemáticas nas que Don José Maceda que cría que o noso futuro estaba ligado á viticultura, seguindo o exemplo dos nosos pais».

somoscomarca_trives_miradoiros_2023182
Os veciños de Vilamartín e amigos do recén fillo predilecto acompáñarono no xantar

 

Agustín Núñez: «Levas o orgullo da nosa vila e de toda a bisbarra»

Recordando algunhas anécdotas, o veciño Agustín Núñez quixo destacar que a vocación do oncólogo vilamartinés «vén de lonxe». «Sabemos que detrás de todo isto está un home, levas o orgullo da nosa vila e de toda a bisbarra e eres merecedor deste distintivo», recoñecía.

somoscomarca_trives_miradoiros_2023190
o amigo de Rafael, Agustín Núñez, foi o derradeiro en intervir

Sherezade Núñez, vicesecretaria do Instituto de Estudios Valdeorreses, foi a mestra de cerimonias dun emotivo acto no que non faltaron os agasallos, un debuxo de Rafael feito por un rapaz do colexio público José Manuel Folla Respino de Vilamartín que el mesmo lle enrtregou e una flor para para a súa dona.

Vídeo de todas as intervencións antes do xantar:

Rafael López: «Os meus compromisos son a familia, Vilamartín e acabar co cancro»