
Xa pasou case que unha semana e permanece na miña memoria a experiencia vivida entre as «bambalinas» do desfile de Jorge de Álvarez. Non sei por onde empezar porque todo me pareceu máxico!
Pois aínda que como din os periodistas «hai que empezar polo importante», vou facelo na orde cronolóxica, no sabería medir a importancia dos momentos alí vividos e de cada detalle percibido.

Xa chegamos co tempo un pouco xusto e aínda por riba fomos a Praza Maior, xa que demos por feito que era alí, pero non, o desfile fíxose no Toural. Volta a coller o coche e tomar rumbo cara a parte alta de Viana e novo atranco. Un montón de xente e, claro, non estábamos xogando en casa, en Viana hai pouco coñecido, así que valor e ao touro. Preguntámoslle a un home ben agradable de Protección Civil. Como podemos chegar até onde desfilan? Seguidas as indicacións e xa nunha rúa curta e estreita encontramos a unha moza «acreditada».

«Ola!, sabes como podemos chegar até onde desfilan? Somos de Somos Comarca! », espetei. «Tedes acreditación?», Ups! A cousa poñíase mal —non tiñamos acreditación, non pensábamos que ía haber tantísima xente, é verdade que llo dixeramos a Jorge …—. Mentres a cabeza lle daba voltas a como saír ben desta historia, mellor dito poder entrar nela, a rapaza presentouse diante nosa con un «pasade sen problema» («sen problema», fantástica palabra).

Seguimos a nosa salvadora e o dobrar a esquina alí estaba a carpa negra, sen máis, pero ao asomar o fuciño, todo foi marabilloso!

Cores, xente guapísima dun lado para outro, percheiros cheos de roupa, plumas, dourados… e, entre tanta multitude alí estaba el, o prota, Jorge Álvarez, un peón máis. Bueno aquelo realmente non era un taboleiro de xadrez, era un de damas. Todos iguais ou todos raínas, pero todos co mesmo movemento, ao fin e o cabo «damas».

O obxectivo da cámara non sabía onde apuntar, si a de vermello pondo un zarzillo, ao de negro facéndolle unha foto a compañeira co seu móbil, a esa fantástica drag tirando de auga, marabilloso!

Tocaba saír para ver o que facía aquel grupo cuxos integrantes tiñan por vestimenta uns pantalón soltos negros e o peito enrolado en «papel de film» e, con cestos da vendima por complemento. O que captou a cámara foi fantástico! Era o grupo de baile das Tanxugueiras que viñera a apoiar o desfile de Álvarez.

Volvín detrás do escenario mentres a miña compañeira de equipo gravaba todo o que ocorría fora, aquelo era pura fantasía. O bo rollo contaxiábase, todos e todas axudaban a todas e todos. Atusando o cabelo, cinguindo o corsé, buscado as plataformas, acomodando a chaqueta. Todos a unha!

El, Jorge Álvarez era como o Guadiana tan pronto estaba como desaparecía, cos nervos a flor da pel pero pendente de todo o que acontecía. Un imperdible aquí, unha puntada alá, todo perfecto antes de saír, pero tamén durante e despois.

Os vianeses e os que iamos de fora aplaudimos aos modelos, e aos deseños pero sobre todo aplaudímolo a el. Un home sinxelo co ideas claras e xeito para executalas. Beleza e harmonía nuns deseños marcados polo espírito do autor e no que, ou polo menos eu así o sentín, a terra, Viana, estivo presente en cada un deles.

Jorge deu as grazas un a un a todos os que o «axudaron», que bonita palabra!. Porque el é así, agradecido, e aínda que non veña a conto e tratándose de Jorge e da súa elegancia ao mellor non encaixa pero para min é un «paisano» cunha bonita sensibilidade.

Que non se estrague, polo camiño, a túa maneira de ser e a túa sensibilidade, segue sendo ti, porque iso como todos puidemos ver, trunfa. Grande Jorge!

Se queres ver o que aconteceu no desfile, tanto en imaxes coma en vídeo, telo aquí.
Sonia Rodríguez