
Catorce mozos e mozas de Viana do Bolo protagonizaron este luns 16 de xuño unha acción de comunicación de guerrilla para reclamar transporte público accesible e sostible que lles permita construír un futuro sen ter que abandonar o rural.

A intervención, de carácter artístico e reivindicativo, desenvolveuse entre as 11:15 e as 12:15 horas na Praza Maior da localidade e contou coa coordinación de AGARESO no marco dun proxecto Erasmus+ de Participación Xuvenil. O alumnado participante forma parte da Red Compás do IES Carlos Casares, unha rede que conecta a mocidade do rural galego arredor da participación política, o dereito á boa vida e a transformación social.
Durante a performance denunciaron, dunha maneira simbólica e creativa, a carencia dunha rede de transporte que garanta a mobilidade no rural, sinalando especialmente a escaseza de horarios regulares de autobús e a redución das frecuencias dos trens de longa distancia. Unha problemática que, segundo advertiron, condena á xuventude a abandonar as súas vilas por falta de oportunidades.
A acción contou tamén coa lectura dun manifesto elaborado conxuntamente con alumnado doutros catro centros participantes na Red Compás. No texto, dirixido ás institucións —desde os concellos ata o Parlamento Europeo—, sinalaron a falta de transporte público como un dos principais obstáculos para permanecer e desenvolver unha vida digna no rural.
Entre as propostas formuladas no manifesto destacaron a creación de novas liñas de transporte mellor conectadas e con máis paradas, así como o aumento da frecuencia dos servizos xa existentes. Tamén reclamaron bolsas que garantan o acceso á educación superior, especialmente para aquelas titulacións que só se imparten en cidades afastadas, e medidas que faciliten a obtención de experiencia laboral para a mocidade.
A precariedade laboral, os baixos salarios e a dificultade para acceder a vivendas dignas foron outras das preocupacións expostas polo grupo, que apostou por reforzar os servizos públicos, mellorar a remuneración nos sectores esenciais —como o primario ou os coidados— e fomentar o comercio local fronte ao comercio electrónico mediante campañas e subvencións.

A reivindicación pechou cun chamamento claro: «A nosa mocidade é quen pode cambiar as cousas, escoitémola!». A defensa da lingua galega, da cultura propia e do dereito a vivir onde se queira, foron tamén eixos centrais da mensaxe lanzada durante o acto.
A acción contou coa presenza de medio cento de veciños e veciñas, ademais da tenente de alcalde, Carmen Conde, e a intervención de Inés Vidal en nome da Plataforma polo Dereito ao Tren, quen sumou a voz do colectivo ás demandas xuvenís, esixindo o restablecemento das frecuencias ferroviarias suprimidas.
Con esta iniciativa, a mocidade de Viana quixo deixar claro que sen transporte, non hai futuro; e que a mobilidade é un dereito imprescindible para manter vivo e conectado o rural galego.