sábado. 20.04.2024
LLegada de los refugiados de Ucrania al albergue Os Biocos de San Xoan de Río (15)
LLegada de los refugiados de Ucrania al albergue Os Biocos de San Xoan de Río

Desde que Rusia declarou a guerra a Ucraína o pasado 24 de febreiro, son moitas as persoas que quixeron colaborar dunha maneira ou outra cos cidadáns que están a fuxir do país despois de que bombardeasen os seus fogares. Algúns se trasladan ás fronteiras para entregar recursos básicos e volver con nais e fillos, e outros ceden as súas vivendas para que poidan residir nelas.

San Xoán de Río é un dos moitos  concellos da comarca que brindaron a súa axuda a estes refuxiados. Onte, 25 de marzo chegaban seis familias ao albergue municipal dos Biocos, despois de que os veciños traballases durante unha semana no acondicionamento das instalacións, tras estar pechadas durante meses.

Albergue de Os Biocos donde se alojan las familias procedentes de Ucrania (2)
Ajenos a la dramática situación, los más pequeños hacen del refugio su hogar

«Antes de recollelos, os refuxiados estiveron durante 5 días nun hotel. Só unha dás familias chegou completa, composta por  home, muller e catro fillos. O home puido saír porque ao ser familia numerosa permítenlles saír do país. O resto de familias, hai dúas que son muller e fillo, e outras tres que son muller con dous fillos», explicaba o alcalde do municipio, Xose Miguel Pérez.

LLegada de los refugiados de Ucrania al albergue Os Biocos de San Xoan de Río (19)
Un neno ucraíno xogando no albergue

Unha nova oportunidade 

Desde o Concello buscan que estas persoas estean «o máis cómodas e coidadas posible». O primeiro paso para iso, é que as familias poidan integrarse por completo no municipio e na vida cotiá deste. «Imos trasladalos ata Trives para realizar cursos e actividades de inmersión lingüística e de integración con psicólogos».

O alcalde do concello explicaba que «moitos veñen de ser bombardeados. Xente que ven con traumas e teñen que ser tratados por profesionais, porque nós asesorámonos con eles para saber que necesitan».

En total, son 40 as persoas que chegaron aos  concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives. E, aínda que haxa 15 quilómetros de distancia entre ambos municipios, todas elas compartirán vivencias e actividades de integración, así como os máis pequenos poderán ter contacto con outros nenos no centro escolar de Trives. 

LLegada de los refugiados de Ucrania al albergue Os Biocos de San Xoan de Río (1)
Familias de refuxados

«Paréceme unha barbaridade como un piano metelos na mesma clase, porque aquí igual quedarían en clases de vinte nenos con oito ucraínos e doce galegos, quedando tres meses de curso. Sería mellor separalos, darlles clases de inmersión lingüística e xuntalos nos recreos, á hora para comer, nas actividades extraescolares…», destacaba Pérez ante a escolarización dos menores.

Non se sabe canto durará a invasión rusa, pero o importante é que «eles poidan decidir o seu futuro. Se deciden telo aquí, nesta zona, xa de cara ao curso que vén, a escolarización debería facerse en condicións normais e tampouco que altere o actual estudo dos nenos que están agora mesmo no colexio».

Un dos principais inconvenientes cos que se atopan é a dificultade de comunicación cos veciños. Por iso, algúns ucraínos asentados na zona, desde hai anos, ofrecéronse a colaborar como tradutores e, poder así, cubrir as necesidades destas familias. 

Unha oportunidade para o rural

San Xoán de Río conta actualmente con 500 habitantes, dos cales sete son menores de 14 anos. Coa chegada destas familias, o luns 28 de marzo, serán 19 os menores censados no concello de maneira temporal. «É unha tremenda oportunidade, é resucitalo. É unha oportunidade para que San Xoan de Río volva ser o que era», declaraba Sara, unha das veciñas, a Somos Comarca.

LLegada de los refugiados de Ucrania al albergue Os Biocos de San Xoan de Río (2)

«Eu non entendo o afán por meter a estas persoas nas cidades. Que fai unha persoa que chega cunha muda soa, sen diñeiro e sen nada a unha cidade que non entenden o idioma?, preguntábase Pérez ao recalcar que «hai que aproveitar a ocasión para complementar por unha tempada a España baleirada e poñer a producir todos os campos que se deixaron de traballar».

Albergue de Os Biocos donde se alojan las familias procedentes de Ucrania (1)
Albergue de Os Biocos donde se alojan las familias procedentes de Ucrania (1)

O obxectivo principal é que estas familias teñan oportunidades laborais e decidan se quedar, mudarse a algunha cidade ou volver ao seu país. Pero, a intención dos voluntarios é que «mentres estean aquí, estean tranquilos e poidan realizar a súa vida».

Recibimento dos veciños

Os veciños de San Xoán foron un piar fundamental neste recibimento xa que, como se informaba anteriormente, estiveron limpando e acondicionando as instalacións do albergue para que «estean o mellor posible».

undefined
Un veciño xogando cun neno ucraíno

«Todo o pobo colabora e están contentos de telos aquí. Ademais, é unha oportunidade porque o pobo non ten xente e bueno, algúns se cadra quedarán e outros non, non se sabe nunca. Pero sempre aumenta un pouco a poboación», afirmaba unha veciña.

Doazóns e colaboración

Xunto coa colaboración dos veciños, as doazóns foron un factor importante para poder dar asilo a estes refuxiados. Fundacións como a de Venancio Salcines, da Coruña, doaron colchóns, camas, liteiras, armarios, almofadas, mesillas e sofás para o lugar de acollida.

WhatsApp Image 2022-03-18 at 19.53.21
Material doado pola Fundación Venancio Salcines

Ademais, concellos próximos como Larouco ou A Teixeira trasladaron ao albergue os materiais recollidos, nun primeiro momento, para enviar a Ucraína. Viana do Bolo tamén se ofreceu a colaborar con máis recursos. 

Non se sabe cando finalizará a guerra, pero o que sí está claro e que mentres o conflito perdura os veciños de San Xoán de Río están dispostos a colaborar co seu alcalde para dar asilo e integrar por completo a estas familias ucraínas no municipio. Como afirmaba unha das voluntarias, «hoxe por ti, mañá por min».

O rural, unha oportunidade para construir un novo futuro lonxe da guerra