sábado. 20.04.2024

Na mañá deste venres, 25 de marzo, chegaban seis familias ucraínas ao albergue municipal dos Biocos, en San Xoán de Río. Acompañados polo alcalde do municipio, Xose Miguel Pérez, e voluntarios de Protección Civil, estes refuxiados eran recibidos polos veciños do concello, que foron os encargados de acondicionar as instalacións que levaban meses pechadas.

«No día de onte regularizamos os seus papeis na Policia Nacional. Só unha das familias chegou completa, composta por home, muller e catro fillos. O home puido saír porque ao ser familia numerosa permítenlles saír do país. O resto de familias, hai dúas que son muller e fillo e outras tres que son muller con dous fillos», explicaba o alcalde.

As corenta persoas que chegaron en total a San Xoán de Río e A Pobra de Trives permaneceron durante cinco días nun hotel ata ser trasladados aos lugares onde se van a asentar polo momento. Ademais, todas elas crearon un vínculo que, como explicaba Pérez, «é difícil, porque son xente que levan unha semana xunta e agora van estar separados por 15 quilómetros».

Con todo, as familias, que se viron obrigadas a deixar os seus fogares fuxindo da guerra, poderán verse todos os días, xa que desde ambos concellos realizarán cursos conxuntos de integración con psicólogos, mentres que os máis pequenos asistirán ao centro escolar de Trives, onde poderán ter contacto co resto de nenos.

Seis familias ucraínas chegaban hoxe ao albergue municipal dos Biocos, en San Xoán