A Xunta de Galicia volveu amosar o seu apoio ao XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Manzaneda, unha cita que, segundo destacou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, constitúe «un exemplo de como a cultura tradicional pode converterse nun motor para dinamizar o turismo e a economía local». O responsable autonómico participou este domingo na entrega de premios celebrada na Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda, onde puxo en valor a capacidade do certame para atraer visitantes ao interior e contribuír á conservación do patrimonio cultural e inmaterial.
Merelles salientou tamén que a incorporación de novas formacións reforza «o carácter aberto e de intercambio cultural dun evento plenamente consolidado no calendario estival galego» e defendeu a importancia de avanzar cara a un modelo turístico máis equilibrado. «O turismo en Galicia tamén se constrúe desde o interior. Iniciativas como o Certame Celtibérico axudan a diversificar os fluxos de visitantes, a dar visibilidade a comarcas con enormes recursos naturais e culturais e a xerar oportunidades para o territorio», afirmou.
A principal novidade desta décimo sétima edición foi a participación, por primeira vez, de agrupacións das Illas Baleares, que achegaron ao certame as coñecidas como gaitas mediterráneas, sumándose ás formacións procedentes de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid e Portugal. Unha incorporación que ampliou a dimensión cultural dun encontro xa consolidado como un dos principais referentes da música tradicional.
Ao remate do certame, o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e impulsor da iniciativa, José Luís Foxo, cualificou esta edición de «fantástica» e destacou especialmente «o baño de emoción» que supuxo ver convivir nun mesmo escenario as gaitas célticas e as mediterráneas. Ao seu xuízo, esta experiencia permitiu facer «honra á denominación de Celtibérico», convertendo Manzaneda nun punto de encontro entre distintas tradicións musicais europeas.
Máis alá da competición, o certame serviu tamén para estreitar lazos entre agrupacións chegadas de distintos puntos da Península. Os representantes de Es Reguinyol Xeremiers de Muro, de Mallorca, expresaron a súa satisfacción pola acollida recibida e manifestaron o seu desexo de manter futuras colaboracións con Galicia, mentres que os integrantes de Sons de la Cossetània, de Tarragona, puxeron en valor a relación que desde hai anos manteñen con distintas bandas galegas e a vontade de seguir promovendo intercambios culturais entre ambos territorios.
Durante a apertura da xornada, o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, agradeceu a presenza das agrupacións participantes e lembrou que «a gaita e o canto forman parte da nosa identidade», destacando que encontros coma este contribúen a manter viva a cultura tradicional e a fortalecer a convivencia nun concello do rural.
A nivel competitivo, o certame volveu reunir formacións de gran nivel chegadas de distintos puntos da Península. A Real Xuvenil de Ourense impúxose na máxima categoría, seguida da Banda Agarimo de Catabois, de Ferrol. No segundo grao, o primeiro posto foi para a Banda de Gaitas Chantada, mentres que a madrileña Talisker Band acadou o subcampionato.
No terceiro grao, o triunfo correspondeu á agrupación coruñesa San Pantaleón das Viñas, por diante da asturiana Banda de Gaites Cabu Peñes. Pola súa banda, no cuarto grao, a Banda de Gaitas Concello do Riós encabezou a clasificación, con representación tamén no podio para as formacións do Concello do Bolo, Preparatorio e Castrelo de Miño.
A estrea da categoría de gaitas mediterráneas saldouse coa vitoria de Sons de la Cossetània, de Tarragona, mentres que a agrupación mallorquina Es Reguinyol Xeremiers de Muro obtivo o segundo posto.
Tamén houbo recoñecementos individuais. Iago González foi distinguido na modalidade de bastóns de mando; Conchiña Castro impúxose entre os solistas maiores de 18 anos; Mael Lombardero fixo o propio na categoría de maiores de 10 anos, e Pablo García foi o gañador entre os menores desa idade.
A programación completouse co IX Serán da Seitura, realizado o sábado, dedicado este ano á recuperación dos antigos cantares ligados aos labores agrícolas e ás figuras de Ludivina Pérez Ricoy e Aquilino Pérez Prieto, ademais da tradicional Noite Celta, consolidando un evento que combina música, patrimonio, natureza e identidade.
Fotos cedidas

