San Xoán de Río volverá converterse este verán nun punto de encontro para a mocidade europea. O vindeiro 13 de agosto, mozos e mozas procedentes de España, Italia, Croacia e Romanía participarán na estrea de «pUEzzle», un innovador xogo cooperativo que propón descubrir a historia e os valores da Unión Europea dunha maneira moi diferente: sen competición, sen gañadores e sen perdedores.
A actividade desenvolverase na área recreativa do municipio dentro do encontro internacional de mocidade organizado polo Concello a través do proxecto europeo Rural EU, unha iniciativa que busca fortalecer os vínculos entre a mocidade de distintos países a través da convivencia e da participación.
Durante a xornada, os participantes terán que superar diferentes retos para construír unha Unión Europea a tamaño real sobre unha gran lona instalada ao aire libre. O percorrido comezará coa elaboración da bandeira europea, identificando algúns dos principais beneficios que achega a UE, e continuará coa reconstrución do mapa europeo, situando os Estados membros segundo a orde na que se incorporaron ao proxecto comunitario.
A diferenza da maioría dos xogos, pUEzzle elimina a competición. O avance dependerá da colaboración entre todos os participantes ata chegar á fase final, na que desaparecerán incluso os equipos para afrontar un único reto común.
Como recordo da experiencia, cada mozo e moza recibirá un «Pasaporte de Arquitecto Europeo», un documento simbólico que irá completando ao longo das diferentes probas.
O xogo, promovido por Europe Direct Galicia, o servizo de información europea da Fundación Galicia Europa, foi deseñado como unha ferramenta divulgativa dirixida a persoas de entre 18 e 30 anos, sen necesidade de contar con coñecementos previos sobre a Unión Europea.
A iniciativa nace coa vocación de levar este formato cooperativo a centros educativos, universidades e actividades xuvenís, apostando por unha forma diferente de achegar Europa ás novas xeracións.
