miércoles. 08.10.2025

San Xoán de Río será de novo a sede do Premio de Novela da Galicia Rural

O Concello de Terras de Trives volverá recibir as obras dun premio que reivindica o valor literario do rural galego
somoscomarca_20251007_sanxoanderio_presentacion_premio_literatura_rural1695
San Xoán de Río será de novo a sede do Premio de Novela da Galicia Rural

San Xoán de Río volverá ser o punto de referencia do Premio de Novela da Galicia Rural, que chega á súa cuarta edición coa intención de seguir dando voz ao territorio e ás historias que nacen fóra das cidades.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou en Santiago de Compostela as bases desta nova convocatoria, aberta ata o 15 de xaneiro de 2026. As novelas deberán estar escritas en galego e situar a súa trama na Galicia rural ou outorgarlle a esta un protagonismo relevante.

O certame, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dirixido tanto a autores consolidados como a novos talentos. O fallo do xurado —composto por cinco persoas vinculadas á crítica, á escrita, ao ensino e ao estudo da lingua— darase a coñecer no mes de marzo de 2026. O premio único está dotado con 3.000 euros.

As obras deberán presentarse en formato PDF nunha memoria USB e remitirse nun sobre pechado á sede do Concello de San Xoán de Río, que volverá acoller o proceso de recepción das candidaturas.

Durante a presentación, Valentín García destacou que este premio «axuda a poñer en valor o mundo rural galego e a reflexionar sobre os seus retos a través da creación literaria». Tamén salientou o compromiso da Xunta coa promoción cultural e coa lingua galega desde o ámbito local.
 

San Xoán de Río será de novo a sede do Premio de Novela da Galicia Rural