San Xoán de Río propón este venres, 21 de agosto, unha viaxe pola súa propia historia, desde os antigos asentamentos ata a pegada deixada pola explotación do ouro en época romana. O Concello organiza as Xornadas de Historia e Patrimonio, unha programación aberta ao público que permitirá achegarse ao pasado do territorio a través do cinema, a divulgación científica e unha visita sobre o terreo.
A primeira cita será ás 11.00 horas no Salón de Plenos do Concello coa proxección de «A Espada de Mouruás», unha produción audiovisual dirixida por Lucía Álvarez arredor dunha das pezas singulares vinculadas ao patrimonio histórico da zona.
A minería romana centrará boa parte da programación da tarde. Ás 16.45 horas, o xeólogo Eduardo González Clavijo ofrecerá a charla «Minería de ouro romana en Galicia», na que abordará a importancia que tivo a explotación aurífera durante este período e a súa influencia na configuración do territorio de San Xoán de Río e da súa contorna.
Da teoría pasarase despois directamente ao terreo. Ás 18.00 horas comezará unha visita guiada polo patrimonio local, con saída desde a Fonte de Mouruás, xunto á Pena dos Castros. O percorrido permitirá coñecer algúns dos elementos históricos e arqueolóxicos que se conservan no municipio e interpretar as pegadas que o paso do tempo e as distintas formas de ocupación deixaron na paisaxe.
Coas xornadas, o Concello busca non só divulgar este legado entre a veciñanza e os visitantes, senón tamén reforzar o patrimonio como elemento de identidade e como recurso para o desenvolvemento do medio rural.
A participación en todas as actividades será libre e gratuíta. As Xornadas de Historia e Patrimonio están promovidas polo Concello de San Xoán de Río en colaboración co GDR Sil-Bibei-Navea e Agader, e contan tamén coa colaboración da Sociedad Geológica Española, Lucía Álvarez e Mezzoforte 111.

