domingo. 19.07.2026

Mouruás agocha unha cidade soterrada de hai 2.000 anos

As primeiras investigacións arqueolóxicas, nesta aldea de san Xoán de Río, revelan que o xacemento é moito maior do que se pensaba e abren a porta a novas escavacións grazas a unha achega de 30.000 euros de Turismo de Galicia
somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouroas (1)
Mouruás agocha unha cidade soterrada de hai 2.000 anos

O que durante décadas foi coñecido sobre todo pola lexendaria espada pistiliforme e polo enigmático Penedo dos Sete Chanzos comeza agora a desvelar unha historia moito máis ampla. O Castro de Mouruás, no concello de San Xoán de Río, podería ocultar baixo terra unha auténtica cidade de época romana, cunha extensión moi superior á que ata o de agora se lle atribuía.

Esa foi a principal conclusión que trasladou aos veciños o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez Mato durante unha charla informativa celebrada no salón de plenos do Concello, á que tamén asistiu o alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua . Nela, explicouse os resultados do primeiro proxecto de caracterización arqueolóxica desenvolvido nos últimos meses.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouruas_escavaciones1914
Antes de comezar a exposicoón: o alcalde e o arqueólogo

«O maior aporte deste proxecto é que Mouruás xa non é ese pequeno castro que todos pensabamos. Temos unha cidade soterrada moito máis grande do que inicialmente se cría», resumiu o investigador.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouruas_escavaciones1904
Camiñando polo lugar onde se atopa o castro

O traballo, promovido polo Concello de San Xoán de Río e financiado a través do programa Leader, non buscaba descubrir un lugar descoñecido, senón coñecelo cientificamente. «Todo o mundo sabía onde estaba Mouruás e coñecía o valor da espada ou das lendas do Penedo dos Sete Chanzos, pero nunca se realizara unha verdadeira caracterización arqueolóxica do xacemento», explicou.

A tecnoloxía confirma estruturas baixo terra

Para coñecer o que se agocha baixo o monte, o equipo realizou primeiro un desbroce manual e aplicou tecnoloxías de última xeración como un levantamento LIDAR mediante dron e un estudo con xeorradar.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouroas (6)
Martiño mostra como funciona o LIDAR

Estas técnicas permitiron elaborar unha cartografía de alta precisión e localizar numerosas anomalías arqueolóxicas tanto dentro como fóra das murallas do castro.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouroas (4)
As líneas amarelas marcan onde se atoparía o castro despois de obter a cartografía de alta precisión

«Identificamos unha cidade soterrada. O importante non é só que exista un castro, senón que o xacemento desborda as murallas e ocupa unha superficie moito maior», explicou Martiño Vázquez.

Segundo detallou, as estruturas detectadas nas parcelas exteriores presentan características propias da arquitectura romana, con muros, cimentacións e edificacións soterradas a pouca profundidade.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouroas (5)
Facendo as sondaxes 

As escavacións confirman as primeiras hipóteses

A investigación completouse coa apertura de dúas sondaxes arqueolóxicas que permitiron verificar sobre o terreo a información obtida polas prospeccións xeofísicas.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouroas (3)
Excavando no «Penedo dod sete chanzos»

Nunha delas apareceu o foso defensivo que protexía o acceso norte ao castro, mentres que na segunda, situada xunto ao coñecido Penedo dos Sete Chanzos, saíron á luz rebaixes, canalizacións e traballos sobre a rocha que indican que o visible na actualidade é só unha pequena parte dunha estrutura moito máis complexa.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouruas_escavaciones1906
Excavacións no Penedo dos sete chanzo na finca de este veciño de Mouruás, Miguel

«Os Sete Chanzos poden ser simplemente o segundo piso de algo moito máis grande que continúa baixo terra», apuntou o arqueólogo.

Entre a Vía Nova e o ouro dos Biocos

Durante a conferencia, Martiño Vázquez destacou tamén a situación estratéxica de Mouruás, situado entre a Vía Nova —a gran calzada romana que unía Braga e Astorga— e as explotacións auríferas dos Biocos.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouroas (7)

Ao seu xuízo, esa localización non é casual. «Non se entende Mouruás sen os Biocos, nin os Biocos sen Mouruás», afirmou, defendendo que ambas realidades deben estudarse conxuntamente.

Incluso abriu a posibilidade de que o asentamento puidese desempeñar un papel semellante ao dunha das estacións ou mansións da Vía Nova, encargadas de dar servizo ás comunicacións romanas.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouruas_escavaciones1917
Miliarios romanos a entrada de San Xoán de Río

«Mouruás convértese nun candidato moi importante para comprender a organización deste territorio en época romana», sinalou, aínda que insistiu en que será a investigación futura a que confirme ou descarte esta hipótese.

Un novo paso para seguir descubrindo o pasado

A boa acollida dos primeiros resultados chega acompañada dunha excelente noticia para o futuro do proxecto. O Concello de San Xoán de Río conseguiu unha subvención de 30.000 euros da Axencia Turismo de Galicia que permitirá acometer unha nova campaña arqueolóxica.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouruas_escavaciones1905
Entre as árbores aína se ve a parede do antecastro

Nesta segunda fase ampliarase a superficie de escavación ata os 100 metros cadrados, fronte aos apenas 20 desta primeira intervención, centrando os traballos nas zonas onde as prospeccións xeofísicas detectaron unha maior concentración de estruturas.

O obxectivo final pasa por continuar investigando, poñer en valor o xacemento e avanzar cara á súa musealización. Mentres tanto, Mouruás xa deixou de ser un lugar coñecido unicamente polas súas lendas. As tecnoloxías máis avanzadas da arqueoloxía acaban de demostrar que baixo a terra podería conservarse unha parte fundamental da historia do oriente ourensán, unha historia que apenas acaba de comezar a escribirse.

«O patrimonio tamén crea economía»

Martiño Xosé Vázquez quixo trasladar aos veciños que a posta en valor do castro non só supón un avance para o coñecemento histórico, senón tamén unha oportunidade de desenvolvemento para o territorio. Segundo explicou, cada euro investido nun proxecto arqueolóxico repercute directamente na economía local a través da contratación de empresas, aloxamentos, restauración ou servizos.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouruas_escavaciones1903
Buraco na rocha onde posiblemente ía un poste para cercar o castro

O arqueólogo defendeu que o verdadeiro potencial de Mouruás non reside unicamente nas pezas que poidan aparecer, senón na capacidade de construír un relato arredor da historia do lugar, integrando o castro, a espada pistiliforme, as explotacións auríferas dos Biocos e a Vía Nova nun recurso cultural e turístico capaz de atraer visitantes durante todo o ano. «Cada euro investido en Mouruás multiplícase por dez no territorio», asegurou, ao tempo que apostou por aproveitar as novas tecnoloxías, a realidade virtual e os centros de interpretación para divulgar ese patrimonio.

Ao remate da charla tamén fixo un chamamento á implicación da veciñanza, lembrando que o futuro das investigacións dependerá da colaboración dos propietarios das parcelas afectadas. Insistiu en que as cesións de uso non supoñen perder a propiedade dos terreos, senón facilitar novas escavacións e a posta en valor dun patrimonio que considera «moi esperanzador» para o futuro de Mouruás.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouruas_escavaciones1915
Veciños de Mouruás seguindo atentamente ás explicacións de Martiño

A mellor maneira de rematar unha charla sobre historia era pisando a propia historia. Por iso, os asistentes achegáronse ata o Castro de Mouruás acompañados por Martiño Xosé Vázquez Mato, quen foi desvelando sobre o terreo os segredos que durante séculos permaneceron ocultos baixo a vexetación.

Cada parada, especialmente na zona das escavacións, serviu para entender que baixo aquel monte se agocha moito máis ca un antigo castro: agóchase unha parte esencial da memoria de San Xoán de Río. Unha memoria que agora comeza a saír á luz e que, paso a paso, escavación tras escavación, aspira a converterse nun novo motor cultural e patrimonial para todo o territorio.

 

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Mouruás agocha unha cidade soterrada de hai 2.000 anos