O Bolo viviu esta tarde unha xornada histórica coa inauguración do Museo da Olaría do Seixo, un espazo dedicado á recuperación, estudo e difusión dunha das tradicións produtivas máis singulares da comarca. O acto celebrouse entre as instalacións do Castelo do Bolo, arredor das cinco da tarde, e puxo o broche a unha programación que xa pola mañá incluíra unha recreación da antiga alfararía do Seixo e un obradoiro participativo de cerámica aberto ao público.
«Estamos falando da nosa historia»
O alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, abriu o acto salientando o valor emocional e patrimonial do novo espazo museístico: «A verdade é que ten unha carga entrañable porque estamos falando da nosa historia, da historia deste concello e do pobo do Seixo». O rexedor lembrou que a tradición oleira, desaparecida durante décadas, deixou pegadas materiais que agora se recuperan: «Encontrámolas e imos inaugurar este museo, que ten restos de vasixas atopadas alí, máis unha orixinal que os fillos do oleiro quixeron doar».
García explicou tamén que as demais pezas expostas son réplicas elaboradas polo mestre Agustín Vázquez, recreacións minuciosas da produción tradicional do Seixo.
Pola súa banda, Alberto Vázquez —anterior alcalde—, implicado no proceso de recuperación da memoria oleira, destacou a importancia do traballo colaborativo: «Os meus pais e avós falaban dos cacharreiros do Seixo… e falando coa xente, e con de Agustín e dous arqueólogos, puidemos reconstruír todo o que se facía alí».
Lembrou que o proxecto foi presentado ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, que o apoiou con fondos que permitiron iniciar as escavacións o pasado mes de setembro e localizar un dos fornos históricos, ata agora perdido.
Unha industria que xerou identidade
O arqueólogo Carlos Tejerizo, da Asociación Sputnik Labrego e director da intervención, puxo en contexto a importancia histórica da olaría do Seixo: «Aquí hai unha mostra moi representativa dunha industria moi importante, xa no século XVIII e incluso antes, que xerou unha identidade moi forte na bisbarra». Destacou tamén o papel das mulleres na produción: «É unha cerámica moi ben vencellada ao traballo das mulleres, algo non moi común na Península Ibérica, e menos no noroeste».
Tejerizo subliñou o valor das pezas conservadas e das réplicas: «Hai de todo: cerámicas para o viño, xerras, cántaros, cuncas, barreñóns… unha industria moi completa». Ademais, lembrou que a olaría do Seixo tivo unha ampla distribución, mesmo con pezas recoñecidas na Coruña.
O arqueólogo concluíu cunha chamada á continuidade: «Esperamos que este sexa o primeiro paso para reivindicar e recuperar unha tradición que estivemos a piques de perder».
A voz do oleiro
O mestre oleiro Agustín Vázquez, autor das réplicas expostas, fixo un discurso profundamente persoal: «Esto é o que me gusta, o que me deu vida e o que me seguirá dando vida». Agradeceu a figuras esenciais da súa formación, como Luciano García Alén, e explicou o proceso de recuperación das técnicas e do barro local: «Este non é o barro de aquí, é o barro de Niñodáguia, co que fixemos as pezas e rematamos no forno de terra para que saísen máis negras, como valoraba a xente do Seixo».
Vázquez detallou algunhas das formas tradicionais recuperadas: «Pucheiros de mel, tarteiras, cazolas, cazoletas, xarros de viño, chocolateiras, barrilas, barreñóns…», todas elas presentes na mostra que se inaugura no Castelo.
Rematou cun agradecemento especial ao Concello e ás persoas que fixeron posible a recuperación: «Eu son un humilde alfareiro que loita pola cultura do noso pobo. O Seixo hai que dignificalo, e oxalá houbese máis xente con ganas de loitar polo que é noso».
A cerámica como espello da sociedade
O arqueólogo Francisco Alonso Toucido, especialista en cerámica medieval e moderna, explicou o valor histórico e social destas producións: «A cerámica é un referente da sociedade do pasado; non fala só pola súa forma, senón por todo o que leva asociado: a extracción do barro, o traballo, o transporte, o uso… o que chamamos a cadea técnico-operativa».
Alonso contextualizou así os achados da escavación, explicando o proceso polo cal se chega a este foco produtivo e o que permanece del hoxe, reforzando a importancia da olaría do Seixo dentro da cerámica tradicional galega.
Un proxecto para o futuro
A escavación que deu pé ao museo foi financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco). A intervención enmárcase no proxecto municipal “O Bolo: Hub de Iniciativas Sostibles Municipais”, que busca converter o concello nun referente de innovación e resiliencia no medio rural, apostando pola conservación do patrimonio como motor social e cultural.
A inauguración do Museo da Olaría do Seixo non só recupera un oficio desaparecido: devolve orgullo, memoria e identidade a un pobo e abre unha nova etapa de investigación e posta en valor. Un legado que, desde hoxe, queda preservado e accesible para as vindeiras xeracións.

