A choiva tentou roubarlle o protagonismo ao Entroido do Bolo, pero a forza da tradición puido máis ca o mal tempo. No concello do O Bolo, os bombos, as aixadas e as gadañas volveron soar con determinación, demostrando que nin a auga nin o frío son quen de apagar unha das celebracións máis singulares da comarca.
A primeira parada da xornada tivo lugar en Lentellais, onde a agrupación de Celavente visitou o asador Asador A Capilla cos seus impoñentes Touros e o Xigante. Fóra, a choiva agardaba paciente; dentro, reinaba a troula,, nun ambiente de calor humano e celebración compartida.
Ao mesmo tempo, o Fulión de Buxán facía vibrar Cambela ao ritmo dos seus instrumentos no Bar Murias. A veciñanza entregouse á música e ao espírito do Entroido, nunha demostración de que a festa é, ante todo, encontro e comunidade.
Tras estas dúas primeiras citas, ambas as agrupacións puxeron rumbo ao centro da vila. A meteoroloxía obrigou a modificar os plans previstos, e en lugar de percorrer as rúas, a celebración trasladouse ao Polideportivo Municipal do Bolo. Alí, baixo cuberto, os bombos volveron marcar o compás e os sons tradicionais encheron o recinto de enerxía e orgullo.
Especial protagonismo tivo o Touro, que nesta edición contou cunha novidade ilusionante: a incorporación dunha "cria", un detalle que simboliza o relevo xeracional e garante a continuidade dunha tradición fondamente arraigada na identidade local. Os máis pequenos gozaron con entusiasmo desta escena, confirmando que o Entroido segue a medrar nas novas xeracións.
Como broche final, o Concello preparou unha pinchada para todas as persoas asistentes, pechando así unha xornada na que, malia a insistencia da choiva, o Entroido do Bolo volveu demostrar que é moito máis ca unha festa: é resistencia e cultura.
