En Valbuxán, San Ildefonso non é só unha data no calendario: é a festa por excelencia, a que nunca falla. Aínda que o santo se celebra o 23 de xaneiro, os veciños optan por trasladar a festa ao fin de semana seguinte, para que poidan regresar á aldea aqueles que viven fóra, en lugares como Madrid, Barcelona ou mesmo Suíza, ademais dos que chegan dende máis preto, de A Rúa, O Barco ou Monforte.
Os festexos arrincan o venres cunha cea popular na casa do pobo, un primeiro encontro que xa marca o espírito da festa: compartir mesa, conversas e risas. É o comezo dun fin de semana no que Valbuxán volve encherse de vida.
Unha ronda que sabe a casa
O día grande chega o domingo cun pasarrúas que inclúe unha ronda polas casas e polas adegas, unha tradición que lembra a unha ruta de viños, pero cunha diferenza clara, aquí os protagonistas son só os veciños. Este ano abríronse doce casas e adegas, convertendo o percorrido nunha auténtica festa itinerante.
Ás 11:00 horas, a charanga, os gaiteiros ou os músicos que se acheguen para animar a xornada reúnense na casa do pobo, desde onde parte o percorrido. Comer, beber, bailar e cantar forman parte do ritual, porque o importante é estar xuntos e gozar. Como di unha veciña, «A esta ronda queren vir os músicos xa que van polas casas e todos lle dan comida e de beber».
Dous patronos, unha mesma devoción
Á unha da tarde sae en procesión San Ildefonso xunto a Santa Catarina, os dous patronos, arredor da igrexa, logo ten lugar a misa. Un momento solemne que contrasta co ambiente festivo da mañá, pero que completa o sentido da celebración. Despois da procesión, cada familia reúnese nas súas casas para a comida, prolongando a xornada entre os seus.
San Ildefonso é unha festa que non entende de climatoloxía. Neve, chuvia ou frío nunca foron escusa para non celebrala. «Años que no han venido las orquestas porque no han podido pasar lo hemos hecho nosotros igual», lembraba un veciño mentres ofrecía un anaco de bica. E non esquece o ano 2010, cando nevou aínda máis ca esta fin de semana: a festa celebrouse igual, iso si, sen música.
Un final sinxelo, como a propia festa
Coa misa e a comida familiar, San Ildefonso vai chegando ao seu fin. Os veciños que viñeron de lonxe emprenden de novo o camiño de volta ás súas casas, pero levan con eles algo máis ca lembranzas: a certeza de que, pase o tempo que pase, Valbuxán sempre terá un fin de semana para volver xuntarse. Porque San Ildefonso non é só unha festa: é unha promesa anual de regreso.
