O municipio de O Bolo celebrou este sábado a súa XVI Festa da Vitela cunha intensa programación que combinou tradición, emoción e recoñecemento colectivo. A xornada tivo como un dos seus momentos máis destacados o homenaxe en Lentellais á Cantareira Jacinta Fernández, figura clave na conservación da música tradicional do concello.
Ás 12.00 horas deu comezo o acto, no que participaron familiares, autoridades e veciñanza. Estiveron presentes a súa filla, Ana Fernández, o seu xenro César Abelaira e a súa neta Alexandra Abelaira, arroupados polo alcalde de O Bolo, Miguel Ángel García, o alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez, membros da corporación municipal e numerosos amigos, entre eles Amable Fernández, de Manzaneda.
Durante as intervencións, o alcalde destacou a figura de Jacinta como “a nosa cantareira de Lentellais”, subliñando o seu papel fundamental para que as cancións tradicionais non se perdesen co paso do tempo. “Era unha persoa sempre alegre, entregada á súa horta e, sobre todo, moi boa persoa”, resumiu.
Pola súa banda, o alcalde de San Xoán de Río lembrou a vitalidade da homenaxeada, evocando a súa participación en distintos actos mesmo con idade avanzada. “Con 90 anos tiña máis enerxía ca moita xente nova. Transmitía ganas de festa e amor pola nosa cultura”, afirmou, destacando a importancia de manter viva a súa memoria.
A filla de Jacinta, visiblemente emocionada, agradeceu a asistencia de todos os presentes e confesou que lle gustaría que a súa nai puidese vivir o momento: “Disfrutaba moitísimo cantando e de festa”. O acto rematou cunha emotiva interpretación de "Lugariños do Bolo" a cargo de Fiuca, Blandina e Dina, compañeiras de canto da homenaxeada.
A celebración comezara xa ás 11.00 horas cunha feira de produtos tradicionais baixo carpa, que reuniu a numerosos visitantes. Como novidade, esta edición contou coa presenza das máscaras do Entroido de Buxán e do Toro e Xigante de Celavente, que animaron o recinto acompañadas pola música da charanga Nova de Trives.
Xa pola tarde, o pavillón acolleu outro dos momentos máis significativos da xornada: o homenaxe aos voluntarios dos incendios de 2025. No acto estiveron presentes diversas autoridades, entre elas o director da Axencia de Turismo, Xosé Manuel Merelles, así como representantes municipais da comarca e membros do concello.
A petición do alcalde, todos os voluntarios presentes puxéronse en pé e recibiron unha longa e sentida ovación por parte das preto de 600 persoas asistentes, nun xesto de agradecemento colectivo polo seu labor.
Tras os actos institucionais, a festa continuou coa comida popular e música baixo carpa, pechando unha xornada que volveu demostrar o forte vínculo de O Bolo coa súa tradición, cultura e solidariedade veciñal.
