O Colexio do Bolo acolleu esta semana unha xornada de convivencia co alumnado do CEIP Eduardo Ávila Bustillo da Veiga, nun encontro que puxo o foco na amizade, na colaboración entre concellos irmáns e na defensa da educación no rural.
Tal e como explicou o director do centro do Bolo, José Luís Fernández, a iniciativa forma parte dun intercambio iniciado no primeiro trimestre, cando o alumnado do Bolo visitou A Veiga para coñecer, entre outros espazos, o centro astronómico. «A nosa idea era facer unha xornada de convivencia entre os dous centros», sinalou. «Para seguir esa irmandade, o que fixemos foi invitalos a eles a facer unhas actividades para que os nenos se coñezan entre eles e establezan máis amizades».
Durante a mañá, os rapaces e rapazas participaron nunha obra de teatro en inglés —xa que o centro do Bolo é bilingüe— e noutra actividade centrada nas abellas, coincidindo coa proximidade da primavera. «Impulsamos moito o idioma inglés e logo tamén traballamos actividades relacionadas co entorno», explicou Fernández.
O director destacou que este tipo de encontros resultan especialmente enriquecedores para centros pequenos do rural: «Eles saen do seu núcleo máis cómodo e establecen amizade con outros nenos». Ademais, reivindicou o potencial da escola rural: «Como somos centros pequenos do rural, queremos que se vexa de cara a fóra que o rural segue máis latente que nunca e que hai moitas máis posibilidades que incluso nun colexio da cidade».
Tras as actividades no centro educativo e despois de compartir impresións cos medios, o alumnado desprazouse ata a Torre da Homenaxe do Castelo do Bolo, onde continuou a xornada con propostas conxuntas. O CEIP Eduardo Ávila Bustillo da Veiga e o alumnado do Colexio do Bolo participaron en distintas actividades culturais no municipio, entre elas a visita ao Museo Yosso e ao propio Castelo.
No Museo Yosso, os nenos e nenas coñeceron a figura do artista e levaron debuxos dalgúns dos cadros para traballalos posteriormente no seu centro educativo. A experiencia completouse no Castelo do Bolo, onde gozaron dos disfraces e do cabalo, convertendo a historia e o patrimonio local nun espazo compartido de aprendizaxe e diversión.
O alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, amosou tamén a súa satisfacción pola recuperación destas xornadas de intercambio, que xa se celebraban anos atrás: «Para min é unha gran satisfacción que podamos recuperar estas xornadas de mesturarnos entre os dous concellos, porque somos concellos irmáns».
Os propios nenos e nenas puxeron voz á experiencia. Dominic, alumno do Bolo, asegurou que lle parece «bastante bonito» o colexio da Veiga e destacou que estas visitas permiten «lograr ser amigos». Desde A Veiga, Hugo explicou que participaron nunha actividade de teatro, mentres Paula cualificou a xornada de «moi divertida» e sinalou que lle gustou especialmente a representación.
As conversas fluíron tamén arredor de tradicións compartidas, como o folión, que actúa como nexo cultural entre ambos municipios. «Teñen un nexo en común», indicou o director, lembrando que as tradicións da zona fortalecen aínda máis a conexión entre os dous concellos.
Con once alumnos e alumnas repartidos en dúas aulas, o Colexio do Bolo exemplifica o modelo de escola rural próxima e familiar. Fernández, criado nun entorno rural, defendeu con convicción este tipo de educación: «Hai que apostar pola educación no rural». Unha aposta que, xornadas como esta, demostran que está máis viva ca nunca.
