
O Castelo de Pambre, na localidade luguesa de Palas de Rei, acolleu esta mañá a presentación do Proxecto Lugares, unha nova iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, e pola Fundación "La Caixa" coa intención de poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público dun dos itinerarios máis transitados no mundo: o Camiño de Santiago.
O proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo tanto polo seu debate central como polas súas solucións paisaxísticas e arquitectónicas para o territorio, e que terá presente tanto á veciñanza dos lugares coma ás persoas peregrinas, levarase a cabo nas comarcas de Ulloa e Valdeorras esta primavera.
Larouco acollerá do 20 ao 22 de abril un taller aberto entre as comunidades locais e un grupo de participantes no seminario para imaxinar e desenvolver a maqueta ou prototipo dunha posible intervención no espazo público. Durante estes días realizaranse visitas e paseos polo territorio para identificar os lugares sobre os que as e os asistentes traballarán de forma colaborativa.
Os días 20, 21 e 22 de abril, o Proxecto Lugares trasladará a súa acción a un obradoiro que se desenvolverá nas covas de Seadur,en Laurouco, localidade moi próxima ao Camiño de Inverno. Será un taller de tres días, aberto á comunidade e axentes locais, no que se tentará transmitir técnicas e coñecementos da arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía, á vez que se imaxina e deseña, de forma colaborativa -tendo presentes as conclusións do seminario-, unha maqueta ou prototipo dunha posible peza ou intervención no espazo público.
Finalmente, todas as conclusións, fotografías e vídeos do traballo feito ao longo destes meses no marco do Proxecto Lugares, así como textos das persoas profesionais convidadas -ou mesmo a recompilación de testemuñas durante o seminario-, estarán dispoñibles nunha publicación crossmedia que se presentará despois do verán.