
Seadur, no concello ourensán de Larouco, viviu esta fin de semana unha nova e exitosa edición da Robla, que este ano celebrou a súa cuarta convocatoria. O evento, que xa se consolidou como unha cita destacada no calendario outonal do municipio, reuniu a veciños, visitantes e amantes do viño nun ambiente festivo e participativo.
En total, participaron cinco adegas: Fedellos do Couto, 5G, Cova da Xabreira, Algueira e Alvaredos Hobbs. A proposta combinou música tradicional, gastronomía e viño, nunha xornada na que, segundo destacou a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, «foi a edición na que máis xente participou. Cun ambiente moi bo no que o día acompañou e invitaba a saír da casa e participar no evento. A xente estaba moi a gusto e non quería marchar».
A rexedora destacou tamén que «é o cuarto ano que se fai e estase a consolidar como festa de final de vendima», salientando o valor que esta iniciativa ten para dinamizar a vida social e económica da zona.
Os artistas convidados foron Cantigas da Terra (A Coruña), Pándega da Rúa, As Macizas Centrais (A Pobra de Trives), As Raiñas (A Coruña) e o concertazo de NonAlkansas, que puxo o broche musical á celebración.
A entrada incluía unha copa e un pano conmemorativo, así como a degustación dun viño cun pincho en cada adega. Ademais, na Cova da Xabreira tivo lugar unha degustación gastronómica de produtos con selo de calidade IXP ou D.O. de Galicia, organizada por experienciasdegalicia.gal, e tamén se ofreceron castañas asadas da IXP Castaña de Galicia.

Por parte das adegas participantes serviuse como petisco «puré de cabaciña, xabaril, ensaladilla e croquetas», maridados cos viños locais.
A cita contou tamén coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, quen subliñou «a importancia do sector vitivinícola galego de calidade», lembrando que nesta zona se produce viño amparado pola Denominación de Orixe Valdeorras.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia, colaborou cunha proposta gastronómica baseada en produtos galegos certificados con calidade diferenciada, como empanada de pemento de Herbón con queixo San Simón da Costa ou tosta de IXP Pan Galego con IXP Tenreira Galega e mostaza de grelo de Galicia. Ademais, os asistentes tamén puideron gozar dun magosto coas primeiras castañas da tempada.
Con boa acollida, música, viño e sabor galego, a cuarta edición da Robla de Seadur reafírmase como unha celebración que une tradición, calidade e comunidade arredor da vendima e do orgullo polo produto local.