As covas tradicionais de Seadur convertéronse este venres nun singular escenario artístico co inicio da segunda edición de Entre Covas, o festival de artes e enoturismo impulsado pola Ruta do Viño de Valdeorras. A proposta reuniu a sesenta persoas, completando o aforo previsto, nunha experiencia que fusionou patrimonio, música, viño e gastronomía nun dos enclaves máis representativos da cultura vitivinícola da comarca.
A encargada de inaugurar o festival foi a artista coruñesa Paula Pintos, especializada na investigación da voz, a escoita e a memoria como ferramentas de creación. Para esta ocasión deseñou unha intervención específica inspirada na historia do viño en Valdeorras e nas características acústicas de varias covas de Seadur.
A actividade comezou na Cova dos Bidueiros, onde os asistentes foron recibidos cun primeiro viño antes de iniciar un percorrido por distintos espazos subterráneos da localidade. A primeira parada tivo lugar na Cova do Rei, onde a artista explorou os sons asociados ao interior da terra. Posteriormente, o grupo trasladouse á cova de Marité, onde Paula Pintos combinou palabra e son tomando como referencia testemuños recollidos no documental «Os Fillos da Vide», da directora valdeorresa Ana Domínguez.
A última intervención do percorrido desenvolveuse na cova de Miguel, escavada en granito e cunha acústica singular que permitiu á artista construír unha proposta máis profunda e inmersiva, aproveitando os ecos naturais do espazo.
Tras o paseo sonoro, os asistentes reuníronse na terraza da Cova da Xabreira para gozar dun recital que foi medrando en intensidade e que mesturou cancións de raíz tradicional galega e internacional con composicións propias. Mediante o uso de pedais e sistemas de gravación en directo, Pintos construíu un espectáculo no que todos os sons nacían da voz e da interacción co micrófono, conectando a proposta artística coa memoria da vendima e coa identidade vitivinícola de Valdeorras.
Especialmente emotivo resultou o momento no que a artista incorporou fragmentos das gravacións recollidas en «Os Fillos da Vide», recuperando as voces e os recordos das persoas que protagonizaron durante décadas a cultura do viño na comarca. A sonoridade da fala valdeorresa e as lembranzas das vendimas contribuíron a enraizar a actuación no territorio e na súa memoria colectiva.
A experiencia concluíu cunha cata comentada pola enóloga Cecilia Fernández, quen presentou seis referencias de adegas asociadas á Ruta do Viño de Valdeorras: O Luar do Sil, Vinos Barco, Cova da Xabreira, Guitián y Blanco, Virgen del Galir e A Coroa.
Os viños estiveron acompañados por un cóctel gastronómico elaborado pola Cova da Xabreira, cunha selección de embutidos, queixos, empanada, pementos con ventresca, espetos de churrasco de vaca e un petisco doce que puxo o broche final a unha velada marcada polo ambiente distendido e polo protagonismo do patrimonio enolóxico.
Participantes chegados de distintos puntos de Galicia, como A Coruña, Ferrol, Vigo ou Pontevedra, sumáronse a unha experiencia que permitiu descubrir, en moitos casos por primeira vez, as covas tradicionais de Seadur e a riqueza cultural e vitivinícola que atesouran.
Tras o éxito desta primeira cita, Entre Covas continuará o vindeiro 17 de xullo nas Pinguelas da Rúa, cunha visita á cova da Adega Melillas, un concerto do grupo Abril e unha nova experiencia enogastronómica. O festival rematará o 21 de agosto en Petín cunha proposta teatral no barrio de Santiago, consolidando unha iniciativa que aposta por descubrir Valdeorras a través da cultura, o viño e os seus espazos máis singulares.
