
Larouco viviu este sábado unha animada xornada deportiva coa celebración do I Torneo de Petanca, unha das actividades destacadas dentro do programa das festas na honra da patrona, Nosa Señora dos Remedios, que celebra este luns o seu día grande.
O torneo desenvolveuse nas novas pistas de petanca, inauguradas o pasado mes de abril durante a Festa do Cordeiro, e contou coa participación de 12 tripletas procedentes de distintos puntos da comarca, o que demostra o crecemento deste deporte en Valdeorras.
A tripleta da Rúa, formada por Manolo Vilela, Manolo e Darío, proclamouse campioa do torneo, mentres que o segundo posto foi para un equipo do Barco de Valdeorras integrado por Gabriel, Suso e Vicente. O terceiro premio levouno a tripleta de Petín, composta por Enrique, José e Porto.

O acto de entrega de premios contou coa presenza da alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, que destacou o éxito da convocatoria e agradeceu a participación de todos os asistentes. A petanca, en claro auxe na comarca, consolídase como un punto de encontro interxeracional e unha actividade que contribúe a dinamizar o rural.