jueves. 28.03.2024

Valentín García: «O arraigamento no pobo, fixo que se convertera nunha festa popular»

O secretario xeral de Política Lingüística, expresou a importancia da implicación dos organismos públicos, a da empresa privada pero sobre todo a de un pobo, o de Córgomo, que  entendeu o sentido das Letras Galegas e o valor de ter unha lingua e unha cultura propia igual que o seu paisano Florencio Delgado Gurriarán.
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia

Esta edición das Letras Galegas, dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, tivo un factor diferencial e foi a implicación popular, que a converteu nunha festa. Así o sinalaba Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, en Radio Valdeorras Onda Cero: «Foi unha festa onde se deu a conexión popular do proxecto das Letras, o arraigamento no pobo. Isto normalmente non o experimentamos así. Aí viuse que se converteu todo nunha festa popular e iso é moi importante».

somoscomarca_obarco_roygalan_alfonsorueda_letrasgaleda_teatrolauroolmo_manuelbaltar_alfredogarcia_alcaldes_gabrielalen_victorfreixanes_diasdasletraS_florencio_2022-05-17 (12)
Na segunda ringleira pola dereita na homenaxe da Xunta a Florencio, no Teatro Lauro Olmo

 A «Florenciada», como chamaron os organizadores ao ágape que se deu ao remate dos actos institucionais, deixou abraiado a todo o mundo e tamén ao secretario xeral. «Montouse unha festa popular, parecía a festa do patrón. Cando empezamos a ver a xente nas rúas, as charangas, os gaiteiros, festexando nas casas, aí víase a implicación na reivindicación das Letras e a satisfacción á hora de celebralas e de outorgarllas», remarcou.

Valentín Garcia entrega o premio do concurso das Letras Galegas no colexio Virxe do Camiño de Rubiá (44)
Valentín García na entrega do premio do concurso das Letras Galegas no colexio Virxe do Camiño de Rubiá 

Gabou o obxectivo da organización. «Era un obxectivo popular, por iso a festa foi popular e iso non é nada habitual velo», dixo. «Normalmente as iniciativas parten de certos círculos culturais, pero onte viuse que o empuxe para que todo isto fose posible foi dos concellos, da xente, das asociacións, do tecido social non só daqueles máis especializados no ámbito cultural», engadiu. «Florencio era unha causa común a todo o pobo e iso reflectiuse na hora de celebralo. Todo o mundo saltaba, todo o mundo cantaba, todo o mundo festexaba e  iso non é moi habitual. Se é importante levalo aos supermercados, ás industrias e ás empresas tamén é importante levalo ao ocio e o lecer da xente».

Exposición de Florencio Delgado Gurriarán no IES Cosme López da Rúa (6)
Na exposición de Florencio Delgado Gurriarán no IES Cosme López da Rúa

O secretario  xeral de Política Lingüística aproveitou para facer un percorrido polos diferentes actos que se levaron a cabo durante toda a semana. Así, destacou as iniciativas impulsadas desde o ámbito da empresa privada a través de  Vegalsa –Eroski ou leite Feiraco. «Que máis de 156.000 persoas vaian ter nas súas mans un cartón de leite coa efixie de Florencio, etiquetada en galego e festexando as Letras Galegas non é cuestión menor», subliñou. «Con estes actos tamén simbolizamos a implicación cada vez maior que a empresa privada ten coas letras galegas», agregou.

Valentín García, secretario xeral de Politica Lingüística, nos actos das Letras de Florencio (4)
Valentín García, coas fillas de Florencio e o presidente autonómico, Alfonso Rueda

No mesmo sentido resaltou a campaña do supermercado Eroski, que puxo na rúa o debuxo do escritor valdeorrés nas bolsas de mercar. O mural presentado polo alumnado do colexio  Virxe do Camiño de Rubiá, gañador no concurso de carteis, foi o gravado elixido para tal fin. «Hai persoas que quizais non van a actos culturais ou non coñecen a bibliografía de Florencio e con esta campaña tiveron oportunidade de coñecelo, de interesarse por el», explicou. Este xeito de dar a coñecer ao homenaxeado das Letras «é unha forma de divulgación masiva importantísima», xa que ademais de espallar a cultura dáse a coñecer Valdeorras en todo o país.

Valentín García, secretario xeral de Politica Lingüística, nos actos das Letras de Florencio (2)
Valentín García, secretario xeral de Politica Lingüística, nos actos das Letras de Florencio (2)

Por outra banda mencionou, un por un, os diferentes actos institucionais e académicos: Reparto de cartóns de leite e concerto en Andrés de Prada Concerto das Letras Galegas,  acto conmemorativo no Teatro Lauro Olmo,  pleno das Letras Galegas da RAG e Foliada . García fixo especial fincapé no traballo realizado cos escolares nos centros educativos. «Coñeceron a figura de  Florencio a través de xogos, pinturas e textos», apuntou.

Valentín García, secretario xeral de Politica Lingüística, nos actos das Letras de Florencio (3)
Valentín García, secretario xeral de Politica Lingüística, nos Concerto das Letras de Florencio 

Por último, agradeceu aos concellos de Valdeorras a colaboración «independentemente das cores políticas ou de gobernos» e tamén á organización e á xente que participou no proxecto das Letras de Florencio. A colectividade «entendeu o sentido das Letras Galegas, entendeu o valor de ter unha lingua e unha cultura propia igual que o entendeu Florencio e así o defendeu toda a súa vida».

Valentín García, na presentación de Bebedeira de ensoños
Valentín García, na presentación da exposición «Bebedeira de ensoños»

O ano de Florencio non rematou o 17 de maio, «Quedan cousas por facer», avanzou o secretario de Política Lingüística. Florencio queda como un símbolo, unha mostra do que debe ser e o que se debe facer «para respectar a nosa lingua e a nosa cultura, para as xeracións que detrás de nós han vir».

Valentín García no pleno da RAG celebrado en Córgomo
Valentín García no pleno da RAG celebrado en Córgomo

«Celebraremos a Florencio durante todo este ano e despois tamén. Porque xa é un persoeiro das Letras Galegas, polo tanto, é un persoeiro de estudo e de recordo perpetuo para todos e para todas e para que a xente coñeza Valdeorras, para que se achegue aos seus concellos a coñecer ese hábitat a que o noso sabio lle dedicou a súa obra e parte da súa vida», rematou.

Se queres escoitar a conversa que mantivemos con Valentín García en +D1 Valdeorras, preme na seguinte ligazón:

Valentín García: «O arraigamento no pobo, fixo que se convertera nunha festa popular»