
A Real Banda da Deputación de Ourense estará presente esta primavera en alomenos en tres lugares das nosas comarcas: Quiroga, Córgomo e O Bolo. Será o 16 de abril e 17 e 21 de maio, respectivamente.
A primeira das actuación será no certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que se celebrará en Quiroga o vindeiro sábado, 16 de abril. Vai ser a primeira fase do certame na que se concentrarán máis de 600 músicos procedentes de Portugal, Asturias, León, Galicia, Cataluña.
O certame que comezará ás 11:30 horas é un dos actos programados para a primeira xornada da XL Feira do Vino de Quiroga. Tras o desfile de bandas pola Rúa Real, actuación das bandas na Praza de España.

«Estes campionatos son únicos. Teñen unha coreografía especial, as bandas entran desfilando, e interpretan os xéneros máis significativos da música galega, de tal maneira que as representacións artísticas e coreográficas son en si un espectáculo», subliña Foxo.
«Hai un equipo de xuíces que máis que xuíces son instrutores. Imparten un informe por escrito que permite que cada banda mellore. É como unha especie de foro para poñer o valor moitas horas de ensaio». A Banda de Gaitas do Bolo estará representando a Valdeorras e A Velladeira de Ponferrada ao Bierzo.
O domingo 17 a Real estará no acto das Letras Galegas que se vai celebrar na aldea natal de Florencio Delgado Gurriarán e o 21 no Bolo.
O V Festival Medieva ldo Castelo do Bolo que segundo o director da Real, «celébrase no contexto das Letras Galegas, pero a nivel local. Váiselle a dedicar a José de Valbuxán, Yosso, que como moita xente sabe, ademais de ser un gran poeta, escritor era tamén un grandísimo pintor. A nivel local, aparte das letras oficial da Real Academia da Lingua, o concello vai ter esa memoria co seu fillo artista e escritor que foi Yosso ».

Ese día inaugurarase o museo José de Valbuxán nas instalación do colexio e estrearase un canto coa letra dun poema do artista bolés chamado Malvis. «Poema fermosísimo, ó que servidor lle puxo a música e que as Cantareiras lle porán voz esta tríada céltica», recalca.
No festival ademais da Real Banda de Gaitas da Deputación e a Banda de Gaitas do Bolo, estará Iria Estévez. «En clave de fado é unha das mellores voces de Galicia», puntualiza o director sobre Iria. Tamén se lle fará unha homenaxe a Bautista Álvarez «Bautista do Palladium», e non faltará a Sra. Jacinta de Lentellais, as cantoras de Trives ou a cetraría do Courel.

Outra das novidades do festival é que ás 12:00 da mañá desde o castelo poderase escoitar o romance de Dona Urraca quen viviu nel. «A xente quer visite o concello do Bolo vai sentir a maxia dese romance medieval que a tradición nos permitiu coñecelo», aclara.
O que non haberá é mercado medieval iso si, adornarase a capitalidade do concello con bandeiras medievais. Recordar que o festival do pasado ano o patrimonio musical foi o protagonista dunha tarde de homenaxe a Xosé Casal.
Se queres escoitar a conversa que mantivemos co director da Real Banda, José Luis Foxo, preme sna seguinte ligazón: