O Premio de Poesía Afundación recibiu 46 obras na súa XXIV edición, cuxo prazo de presentación de candidaturas rematou o pasado 31 de xullo. Con elas, son xa máis de 1.100 os poemarios que concorreron ao certame desde a súa creación.
O galardón está dirixido a obras poéticas inéditas, escritas integramente en galego e cunha extensión mínima de 600 versos. A persoa gañadora recibirá 7.000 euros e verá publicado o seu poemario na colección «Arte de Trobar», do Centro PEN de Galicia e Afundación.
O premio está promovido pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o Centro PEN de Galicia. O xurado estará formado por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e estará presidido polo presidente do Centro PEN de Galicia. O fallo coñecerase o próximo outono.
Na edición do pasado ano, o premio foi para o escritor lucense Xosé Miranda por As torres abolidas, presentada baixo o lema Príncipe inconsolable. O certame, que comezou en 2002 con Xavier Seoane como primeiro gañador, conta no seu palmarés con autores como Yolanda Castaño, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas, Miguel Anxo Fernán Vello ou Emma Pedreira.
