Convocado o IV premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán

Convocado o IV premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán
O prazo para presentar as obras remata o próximo 29 de setembro. O premio inclúe no cartel unha creación da artista ruesa Carina Rodríguez 

Este luns, 1 de agosto, o proxecto comarcal As Letras de Florencio presentou no Concello de Vilamartín de Valdeorras as bases e o cartel deste ano, para o que se contou coa colaboración da artista plástica ruesa Carina Rodríguez. A poesía gañadora coñecerase na gala de entrega de premios que se fará en outubro e estará conducida por Anxo Baranga.

Na presentación, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, desglosou as características do premio que son similares ás doutros anos: poemas inéditos, en galego e cunha extensión máxima de entre 15 e 90 versos. Ten un premio único de 3.000€ e poderase presentar calquera persoa que non fose gañadora en anteriores edicións.

Estiveron no acto de presentación, ademais do alcalde de Vilamartín, a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista, a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, o concelleiro de Deportes e Tempo Libre de Vilamartín, Manuel Sánchez, o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, e Carina Rodríguez, autora da imaxe do cartel. Dela, Raquel Arias destacou a calidade do seu universo artístico, ao tempo que celebraba «que o certame sirva para dar visibilidade ás artes plásticas feitas por valdeorreses».

Carina Rodríguez, Manuel Sánchez, Enrique Álvarez, Aurelio Blanco, Margarida Pizcueta e Raquel Mª Bautista

O Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán creouse hai catro anos coa intención de promover a creación literaria e tamén reivindicar a figura do poeta de Córgomo de cara ás Letras Galegas. Ese segundo obxectivo xa está cumprido pero o certame poético, un dos máis importantes de Galicia a nivel de dotación económica, consolídase e celebra neste 2022 a súa cuarta edición.

Un lenzo transformado na mirada do artista

Carina Rodríguez (A Rúa, 1973) é unha pintora autodidacta cunha extensa obra plástica e que nos últimos anos ten feito incursións noutras áreas como a ilustración e o textil. É tamén xestora cultural e investigadora, sendo unha das impulsoras do Marco, a mostra de arte na rúa que se celebra en Petín dende hai dous veráns. Para este cartel empregou un lienzo con técnica de colaxe titulado O bosque azul e o cal tratou dixitalmente para convertelo nunha metáfora da mirada do artista sobre o puntual para proxectalo ao global: «O que quixen reflexar foi unha obra que nos transportase a ese mundo onírico no que nos temos que atopar para transformar os obxectos cotiás e os acontecementos do día a día en poesía».

Carina Rodríguez co cartel que inclúe unha das súas obras titulada O bosque azul

 

Anxo Baranga presentará a gala de premios en outubro

Unha das novidades que ten esta cuarta edición é que a obra premiada non se difundirá ata a gala de entrega do premio, na que coma sempre se recoñecerán a tres finalistas e mais un gañador. Este ano o evento regresa ao Teatro Lauro Olmo do Barco e a súa concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, destacou que o meste de cerimonias no ano das Letras de Florencio será Anxo Baranga polo seu compromiso e traballo a prol das Letras de Florencio e tamén das artes vivas en Valdeorras. «Mandámoslle toda a nosa forza, porque pasou un problema de saúde, e queremos que estea listo para esa gala de outubro na que queremos recoñecerllo o traballo que fixo el e mais o colectivo teatral que impulsou para divulgar a figura de Florencio delgado Gurriarán».

O prazo de presentación dos traballos poéticos comezará en canto as bases se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, previsto para os próximos días, e permanecerá aberto ata o 29 de setembro. A Deputación de Ourense é, precisamente, o principal respaldo económico que ten este premio e a ela se dirixiu Aurelio Blanco, presidente do IEV, para agradecer o apoio e suxerir que se incremente nos próximos anos para facer deste certame «o principal premio de poesía de Galicia».