miércoles. 28.05.2025

Un cuarto de século educando: Vagalume celebra os XXV Encontros Familia-Escola

O presidente de Vagalume, José Fernández, salienta a traxectoria e o legado da asociación. Nesta edición, o programa inclúe expertos en educación, saúde mental e prevención do acoso escolar, reafirmando o compromiso co benestar infantil e xuvenil
somoscomarca_obarco_vagalume_20232023397 (2)

A asociación Vagalume Valdeorras celebra este ano a XXV edición dos Encontros Familia-Escola, un evento que xa é un referente na comarca pola súa contribución ao diálogo entre a familia e a escola. O presidente da asociación, José Fernández, destacou a importancia desta celebración, lembrando aos fundadores e a todos os que contribuíron ao longo destes anos.

«Parece que foi onte, pero levan 25 anos e neste tempo aconteceron moitas cousas», sinalou Fernández. O presidente quixo render unha homenaxe especial a figuras como Ricardo Fernández, José Paradelo, Clemente Macías e María Teresa de Vega “Patere”, cuxa contribución foi clave na creación da asociación. «Patere deixounos o símbolo que seguimos conservando hoxe como anagrama de Vagalume», engadiu.

Unha programación de calidade para unha edición especial

O ciclo de conferencias comezará o 22 de xaneiro —todas os relatorios serán ás 19:30— coa participación do escritor Eloy Moreno, quen recibirá o premio Vagalume Douro pola súa labor contra o acoso escolar e o uso inadecuado das redes sociais. Fernández subliñou que traer a Eloy dende Castellón non foi sinxelo, pero consideraron que o 25º aniversario merecía un convidado de tal relevancia.

Entre os outros participantes destacados están Rosa Molina, psiquiatra e divulgadora, que repetirá experiencia o 25 de febreiro; Manu Velasco, mestre berciano que falará sobre o seu libro «Educar con las otras TIC», estas tecnoloxías son “tempo, interese e cariño”, o 11 de marzo; e Rafa Guerrero, psicólogo clínico, que o 27 de marzo abordará a importancia dun vínculo seguro nos primeiros anos de vida.

Tamén participarán Xurxo Mariño, biólogo e divulgador científico, o 9 de abril, e Iñaki Zubizarreta, exxogador de baloncesto e activista contra o acoso escolar, que ademais ofrecerá unha charla específica para o alumnado. O peche do programa correrá a cargo de Álvaro Bilbao o 8 de maio, quen xa participou hai unha década nunha edición anterior dos encontros e será o segundo Vagalume Douro desta edición.

Un enfoque na saúde mental

A temática central deste ano, titulada «Educando Saludable-mente II», continuará tendo como protagonista a saúde mental infanto-xuvenil. Fernández fixo fincapé en que «non pode haber saúde sen saúde mental», e por iso Vagalume mantén o seu compromiso con esta cuestión, tanto a través dos encontros como coa prestación de servizos psicolóxicos para a infancia en horario de tarde.

Finalmente, José Fernández reiterou a demanda da asociación para a incorporación de psicólogos nos centros educativos, unha necesidade que, segundo destacou, segue sendo urxente dada a situación actual da saúde mental dos nenos. «Seguiremos loitando por iso, porque é necesario para garantir a estabilidade emocional dos rapaces», concluíu.

Un cuarto de século educando: Vagalume celebra os XXV Encontros Familia-Escola