lunes. 29.12.2025

A Deputación de Ourense alerta dun grave retroceso territorial tras a supresión de paradas do AVE na Gudiña

Un estudo da Universidade de Vigo, impulsado polo Inorde, constata un forte impacto na mobilidade, na economía e na cohesión social do oriente ourensán, con rexeitamento case unánime ás medidas compensatorias
somoscomarca_20250802_agudiña_manifestacion_derechoaltren773

A eliminación de paradas do servizo ferroviario de alta velocidade na estación da Gudiña está a ter un impacto profundo e negativo no territorio. Así o recollen os resultados preliminares da fase cualitativa do Estudo do impacto da eliminación de paradas do servizo ferroviario de alta velocidade, presentado pola Deputación de Ourense a través do Inorde e elaborado pola Universidade de Vigo.

A investigación evidencia que a supresión de frecuencias non responde a un simple axuste técnico, senón que supón un debilitamento estrutural para amplas zonas do oriente ourensán, con efectos directos sobre a mobilidade diaria, a actividade económica, o acceso a servizos básicos e a cohesión social en comarcas como Viana–A Gudiña, Valdeorras, Verín e Terras de Trives.

Segundo os datos recollidos, preto do 70 % da poboación afirma verse afectada nos seus desprazamentos persoais, mentres que case un 40 % declara impactos directos nos desprazamentos laborais, o que confirma que o tren de alta velocidade estaba plenamente integrado na mobilidade cotiá da veciñanza. Especialmente prexudicial resulta a eliminación das paradas de primeira hora da mañá e de última hora da tarde, que impedían realizar viaxes de ida e volta no mesmo día a destinos estratéxicos como Madrid ou o eixo atlántico galego.

Impacto económico e sentimento de agravio

Desde o punto de vista económico, máis do 90 % das persoas enquisadas considera que o impacto da supresión de paradas é alto ou moi alto. O estudo sinala un incremento de custos, perda de eficiencia e diminución da competitividade para empresas, autónomos e profesionais. Sectores clave como o turismo, a hostalaría, o comercio, o transporte e os servizos amosan niveis moi elevados de afectación, con consecuencias indirectas sobre o conxunto do tecido produtivo comarcal.

O informe tamén revela un forte sentimento de agravio territorial: o 76,1 % da poboación percibe unha clara desigualdade entre o investimento público realizado na infraestrutura ferroviaria e o servizo que finalmente se presta. Ademais, o 86,9 % alerta dun aumento da desigualdade no acceso a servizos e oportunidades respecto doutros territorios mellor conectados.

Esta situación xera, segundo o estudo, unha incerteza estrutural que condiciona decisións persoais e empresariais, dificulta a chegada de novos residentes e pon en risco a continuidade de negocios locais, especialmente nos sectores máis vinculados aos servizos e ao turismo.

Un impacto social profundo

A investigación tamén constata un impacto social significativo, con maiores dificultades para acceder a servizos sanitarios, educativos e administrativos, problemas de conciliación familiar e unha crecente percepción de illamento territorial. A isto súmase unha preocupación xeneralizada polo risco de despoboamento e pola perda de oportunidades para atraer talento e poboación nova ao interior da provincia.

Rexeitamento das medidas compensatorias

Un dos aspectos máis contundentes do estudo é o rexeitamento case unánime das medidas compensatorias propostas. Preto do 90% das persoas participantes considera que alternativas como lanzadeiras ou incentivos non solucionan o problema de fondo. Pola contra, reclámase de forma clara a restitución das frecuencias eliminadas.

En concreto, o 94,3 % considera imprescindible recuperar o tren de primeira hora da mañá cara a Madrid; o 79 % demanda a recuperación da frecuencia matinal cara a Ourense e o resto de Galicia; e máis do 70 % considera esenciais os servizos de última hora da tarde para poder regresar no mesmo día.

Á vista destes datos, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa defensa dunha conectividade ferroviaria xusta e equilibrada, esencial para garantir a igualdade de oportunidades, a cohesión territorial e o desenvolvemento sostible do interior da provincia. A institución lembra que o Pleno provincial xa aprobou en outubro unha moción reprobando as decisións do Ministerio de Transportes, que reduciron as frecuencias semanais do AVE na Gudiña de 56 a 41, eliminando precisamente os horarios máis funcionais. Unha decisión que, como agora acredita este estudo, está a ter consecuencias reais e profundas sobre o territorio.

A Deputación de Ourense alerta dun grave retroceso territorial tras a supresión de...