
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, mantivo esta tarde unha reunión na Subdelegación coas representantes da Plataforma Dereito ao Tren, que reclaman un incremento nas frecuencias de tren na estación da Gudiña.
Durante o encontro, Santos asegurou que «se está traballando en permanente contacto cos alcaldes e alcaldesas da zona» co obxectivo de mellorar os servizos ferroviarios.
O subdelegado destacou que «o Goberno de Pedro Sánchez trouxo a Alta Velocidade a Galicia, despois de que o proxecto estivese anos parado, o que, xunto aos descontos nas tarifas, fixo que a demanda deste medio de transporte aumentase moito máis do esperado. Este forte incremento precisa axustes e niso estase a traballar, escoitando a todos os axentes implicados».
Con esta reunión, Santos comprométese a trasladar as demandas da plataforma ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable e continuar coordinando medidas para garantir a mellora dos servizos ferroviarios na comarca.