sábado 4/12/21
Camiño de Inverno á entrada de Fontei na zona da Pireira
Camiño de Inverno aáentrada de Fontei na zona da Pireira

Maria González Albert alerta do agravio comparativo que supón esta falta de delimitación para os Concellos e os particulares no acceso a axudas

O BNG levará ao Parlamento, por unha banda, a delimitación definitiva do Camiño de Inverno e, por outra, a modificación do Plan Básico Autonómico en todos os puntos nos que xurdan discordancias entre o trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva.

A deputada valdeorresa, María González Albert presenta esta iniciativa tras comprobar a problemática xurdida en distintos concellos atravesados polo Camiño de Inverno a Compostela, nos que a Xunta de Galiza ten denegado subvencións solicitadas por varios particulares.



«En concellos como O Barco de Valdeorras, Vilamartín e A Rúa o ámbito das actuacións limítase exclusivamente ao trazado do camiño, mais ao non  existiren unha delimitación oficial do trazado o Instituto Galego de Vivenda e Solo aplica o artigo 8 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de que establece a inexistencia dun trazado definitivo ao longo dos concellos da nosa comarca», aclara.

María G. Albert no Camiño de Inverno, entorno da capela das Farrapas (Bendilló-Quiroga)

Desde O BNG  indican que no  Concello do Barco exemplificase moi ben esta problemática, no seu tramo conflitivo, «o plano do plan básico autonómico establece que o camiño de Inverno transcorre pola Avenida Manuel Quiroga, por conseguinte, este trazado non pasa pola zona vella do Barco, indo en contra do que as evidencias históricas, nomenclatura das rúas, etc. sinalarían como o orixinal trazado do Camiño de Inverno».



Cabe sinalar que a Consellería de Cultura e Turismo proxectou e financiou a mellora da sinalización do Camiño de Inverno en todas as comarcas galegas do trazado e, de novo exemplificando no Barco de Valdeorras, «concedeu subvencións ao propio Concello, nese caso si, indicando que o trazado do Camiño de Inverno pasa pola zona vella do Barco. Existe, por tanto, unha clara incongruencia lexislativa entre a sinalización efectiva do Camiño de Inverno e o trazado definido na documentación gráfica do Plan Básico Autonómico».

Rúa Conde de Fenosa do Barco por onde pasa o Camiño de Inverno

«Sen embargo, e volvendo ao caso do Barco de Valdeorras, por moito que a Consellería de Cultura subvencione a sinalización do Camiño de Inverno polo casco vello e o propio concello emita certificados afirmando que o camiño de Santiago pasa polas Rúas San Roque e Real, non suplen o feito de que a normativa aplicábel -isto é, o Plan Básico Autonómico- indique outro trazado do camiño de Santiago ao seu paso polo concello do Barco de Valdeorras, problema que se repite noutros termos municipais do mesmo trazado do Camiño de Santiago», explican.



Por todos estes motivos que o BNG entende como urxente afrontar a delimitación definitiva do Camiño para avanzar no seu desenvolvemento e evitar este e outros conflitos que se están a evidenciar en distintos puntos da comarca polas distintas variantes que se pretenden consolidar de xeito local.

O BNG reclamará no Parlamento que a Xunta afronte a delimitación definitiva do Camiño...