sábado. 20.04.2024

A xornalista estará ao frente dun programa especial sobre as eleccións municipais que combinará radio, televisión online, páxina web e redes sociais

«O próximo domingo 26 de maio faremos algo que nunca se fixo antes en Valdeorras». Así describe a xornalista Cristina de la Torre a iniciativa que se porá en marcha o superdomingo electoral na que «queremos convertir o estudo de Radio Valdeorras Onda Cero, nun estudo de televisión».

Axudados das novas tecnoloxías, e co apoio do equipo da emisora de radio e da web somoscomarca.es, Cristina de la Torre encabezará un programa especial «cuxo obxectivo é aproveitar que estamos nesta nova dimensión da comunicación na que se pode chegar a moita xente, e cubrir a xornada electoral a través dunha combinación de formatos informativos que inclúen radio, televisión online, páxina web e redes sociais».



A primeira desconexión ou directo farase durante o mediodía, entre ás 13:30 e ás 14:30 horas. A partires do peche dos colexios electorais, arredor das 20.30 horas, «comezaremos o programa ofrecendo os primeiros datos que nos irán chegando dende as mesas electorais dos diferentes puntos da comarca, cos primeiros escrutinios das primeiras mesas, e iremos calculando o número de concelleiros, falaremos con protagonistas, mantendo a tensión informativa propia da xornada», conta.

Os interesados poderán seguir o programa dende a web somoscomarca.es e dende o Facebook de Promecom. Ademais da novidosa iniciativa, a través do dial da radio 92.0 fm, a xornalista Raquel Cruz achegará aos ouvintes resumos da xornada electoral de: 20:50 a 21:00; de 21:50 a 22:00 e de 22:30 a 22:45.

De la Torre é unha persoa que cre nos medios locais. A proba está no reto que ten de diante ca organización e posta en marcha deste proxecto «no que queremos tomar o control dende Valdeorras da cobertura que outros medios a nivel nacional non fan», explica. Amósase entusiasmada e coa curiosidade de comprobar a resposta «da audiencia e das forzas vivas, principais protagonistas da xornada que tentaremos que veñan o estudo cando haxa resultados, para compartir información e primeiras impresións cos cidadáns».

Se desexas escoitar a entrevista completa realizada a Cristina de la Torre, podes escoitala na seguinte ligazón:

Cristina de la Torre: «Cubriremos o domingo electoral coma nunca antes en Valdeorras»