jueves. 18.04.2024

O arquitecto rués Robustiano Fernández visitou con varios membros da Asociación Amigos do Camiño de Inverno a antiga capela de San Andrés para realizar un estudo que permita levar a cabo o proxecto de restauración, co gallo de solicitar subvencións a Patrimonio e o GDR de Valdeorras para o arranxo.

Tras a remodelación, este espazo converterase nunha oficina de información ao peregrino: onde comer, aloxarse ou que facer no tempo de lecer, tamén onde podan selar a credencial. «Ademais deste uso práctico terá outro cultural, xa que albergará a bibliografía da asociación, para quen queira facer uso dela», sinalou Asun Arias, presidenta da Asociación Amigos do Camiño.

A capela, doada polos herdeiros de Germán Rodríguez González a esta asociación, data do 2628 segundo os Libros Parroquiais. Da primitiva capela só se conserva unha cenefa azul nunha das paredes e o chan de lousa e granito. Asun, a presidenta da asociación asegurou que «anos atrás aínda se podía ver a figura da Inmaculada nun lateral, así coma unha cruza grega». O paso do tempo e o uso que se lle deu coma cuadra ata hai pouco fixo que quedaran poucos vestixios.

A capela foi vendida polo crego para asumir os costes que xeraba a construción da actual igrexa de Fontei. Os novos donos quitáronlle o tellado e déronlle unha altura, «aínda se poden ver as vigas que formaban parte do lousado cortadas», dinos Asun.

A construción orixinal está dividida en dúas partes, unha a cedida á asociación y a outra que pertence a uns particulares. «Era un edificio illado, localizado no lugar chamado O Santo, todos os lugares con ese nome son sagrados», asegurou Asun.

A porta da futura oficina de información colocaron este ano un miliario romano da Vía XVIII, que foi descuberto gracias as xestións feitas pola asociación de veciños de Fontei e a dos Amigos do Camiño de Inverno. Data do século I, foi usado como pisón de castañas, segundo reza na placa situada na base granito onde está apoiado.

A capela de San Andrés máis cerca de converterse nunha oficina de información ao peregrino