
Sona o teléfono da redacción, DO outro lado o responsable da sección de escalada do Club Peña Trevinca de O Barco, Julio Miranda, está entusiasmado. Un escalador valdeorrés acadou un 8a e asegura que en Ourense hai so unha ou dúas persoas máis que chegasen a ese nivel de dificultade. «Tedes que falar con Aurelio, isto é unha pasada, é un dos mellores escaladores da provincia». Así que a chamada é obrigada. Aurelio Fernández (A Rúa, 1978) leva moito tempo escalando. Hai tres anos sufriu un accidente de tráfico que lle deixou bastante magullado pero conseguiu recuperar a súa forma física e de que maneira.
A pasada semana subiu a parede dun acantilado en Chanteiro, na costa coruñesa, marcado con ese nivel. Aurelio aclara que é a propia comunidade de escaladores a que corrobora a categoría, proposta pola persoa que abre a vía. Esa dificultade depende do tipo de roca, do número de agarres e tamén da pendente, xa que nalgúns casos teñen que escalar contra a gravidade, basicamente coas costas en paralelo ó chan. «O importante dos grados na escalada non é tanto para compararnos ou competir entre nós, se non para que valores as túas posibilidades á hora de subir unha parede» explica. Para el, na escalada conta «o físico e a técnica, que as precisas, pero tamén controlar a adrenalina, xogar coa técnica e a ambición polo medo a caer». Outro dos atractivos que destaca é os lugares onde se practica: «en Galicia e en España temos sitios incribles para practicar escalada e so estar alí, na natureza, co silencio, xa é un luxo».
Aquí podedes escoitar a entrevista completa en Radio Valdeorras-Onda Cero.