viernes. 30.05.2025

Vilariño de Conso pecha 2024 cun balance positivo de iniciativas culturais, sociais e infraestruturais

A alcaldesa, Melisa Macía, destaca fitos como o Certame de Música Popular, a creación de novas vivendas, a chegada da cobertura telefónica algunhas aldeas e o recoñecemento do Parque Natural do Invernadoiro como Senda Azul
somoscomarca_240427_vilariño_vibomask_entroido160

O Concello de Vilariño de Conso conclúe o ano 2024 cunha ampla variedade de actuacións que destacan pola súa aposta pola cultura, a recuperación de infraestruturas e a mellora dos servizos para a veciñanza. A alcaldesa, Melisa Macía, fixo un balance do ano, subliñando os logros alcanzados e os retos superados nun período cheo de proxectos significativos.

Cultura e tradición en alza

Un dos fitos máis destacados deste ano foi o Certame de Música Popular, celebrado coincidindo co Día das Letras Galegas. Este evento, consolidado como unha cita imprescindible no calendario cultural galego, medrou en participación, atraendo a máis grupos e amantes da música tradicional. «Para min é o máis destacado, sen deixar atrás o Entroido nin a Mascarada, pero este certame ten un carácter particular que promove a nosa música e cultura», sinalou a alcaldesa.

O Entroido 2024 quedará na memoria da veciñanza pola súa singularidade, marcado por unha boa nevada que engadiu un encanto especial ao desfile. «Estábase esperando a neve, pero na metade do desfile tivemos que parar algunha vez. Foi moi bonito e diferente, no seu estado máis puro», lembrou Macía.

A Mascarada Ibérica, celebrada algo máis tarde do habitual, gozou dun clima cálido que animou a unha maior participación. Ademais, a primeira edición do Rural Fest, organizado en colaboración con Vive Vilariño, foi un éxito rotundo, ofrecendo actividades para todas as idades, desde a mañá enfocada nos cativos ata a noite, que atraeu a mozos doutros concellos.

Mellora de vivenda e servizos básicos

Un dos eixos fundamentais deste ano foi a creación e recuperación de vivenda. «Sacamos dúas vivendas en licitación e estamos construíndo catro máis», destacou a rexedora. Ademais, inaugurouse un novo tanatorio, amplo e moderno, que substitúe ao anterior. Situado xunto á futura residencia de anciáns, conta cunha zona de estacionamento cómoda e xa é motivo de satisfacción para a veciñanza.

Tamén se levaron a cabo obras de reposición e substitución de tubos de saneamento e abastecemento en diferentes pobos, como Sabuguido, Chaguazoso, Conso, Vilariño, Soutogrande e Castiñeira.

Un avance significativo foi a chegada da cobertura telefónica a Pradoalbar e Chaguazoso, un dos pobos máis altos de Galicia. «Foi unha grande alegría, levábamos moitos anos con esta carencia e, no século no que vivimos, non podemos estar sen cobertura», recalcou Macía.

Natureza recoñecida e posta en valor

O Parque Natural do Invernadoiro, unha das xoias de Vilariño de Conso, foi distinguido coa certificación de Senda Azul, a primeira deste tipo na provincia de Ourense. «É unha ruta para desfrutar, e esta distinción é un recoñecemento ao traballo ben feito», afirmou a alcaldesa. Fai falta lembrar que o galardón Bandeira Carreiro Azul busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas, turísticas e de lecer ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna.

Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí:

Vilariño de Conso pecha 2024 cun balance positivo de iniciativas culturais, sociais e...