
O pasado 5 de xullo o Concello de Vilariño de Conso realizou un pleno «moi positivo», asegura Melisa Macía, alcaldesa do municipio. Durante esta sesión presentouse unha modificación de crédito de case 600.000 euros «en inversións en obras de distintos núcleos e contribucións a asociacións». Tamén se fixo unha «modificación de regulamento da residencia» para así comezar cos trámites de licitacións.
A maiores, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción, que foi aprobada, «para facer un plan de acción ao cal votamos a favor para que se fagan todas as accións que dean transparencia e confianza no noso Concello», explica a alcaldesa.
Agora farase unha comisión de seguimento, formada polos voceiros de cada un dos partidos políticos que teñen representación, e «avalar todo o que se faga». Estas reunións serán «cada dous meses ou tres» para comprobar facturas ou resolver dúbidas.
Entrevista completa coa alcaldesa, Melisa Macía:
Nota de prensa BNG
Domingo Domínguez, voceiro do grupo municipal do BNG de Vilariño de Conso acadou un acordo da corporación municipal en torno a moción dos nacionalistas presentada ao pleno municipal, encamiñada «corrixir a xestión económica do concello».
Na moción do BNG, aprobada polo pleno, os nacionalistas demandaron un Plan de Acción que determine as medidas a adoptar para emendar as «debilidades, deficiencias, erros e incumprimentos detectados no informe resumen anual de control interno de 2023» do concello de Vilariño de Conso.
«Tamén demandamos establecer un responsable e un calendario para poñer en funcionamento dito Plan de Acción e por último a creación dunha comisión de seguimento», sinalou o voceiro nacionalista.
Domingo Domínguez declarou que desde o BNG levan «tempo advertindo á señora alcaldesa do perigoso que é gobernar a golpe de levantamento dos reparos, algo que por desgracia xa é habitual en Vilariño de Conso e que xa no seu momento supuxo graves consecuencias para anteriores rexedores deste municipio».