
Hai apenas dous meses, este parque recibía a visita de Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural, quen animaba a descubrir e recorrer a ruta peonil de Aceveda. Nesta nova visita Do campo estivo acompañada por Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións.
A responsable autonómica participou o mércores, 27 de marzo, no acto de izado da bandeira que acredita como sendeiro azul a ruta da Aceveda, localizada no corazón do Parque Natural do Invernadeiro, en Vilariño de Conso, que conta cunha extensión total de 8 quilómetros.

En esta cita anunciouse que durante un mes —28 de marzo o 28 de abril—, a Xunta convoca axudas por 1,63 millóns de euros para impulsar proxectos de conservación e posta en valor dos 6 parques naturais de Galicia.
Os interesados poderán presentar as súas solicitudes para optar a subvencións de ata 12000 euros por proxecto no caso de que o promotor sexa unha persoa física ou xurídica, asociacións ambientais e comunidades de montes ou empresas e de, como máximo, 40000 euros se o solicitante é un concello.
Tras subliñar que se trata do primeiro sendeiro azul declarado na provincia de Ourense e o primeiro tamén que discorre integramente por un parque natural galego, a vicepresidenta segunda en funcións lembrou que este ano Galicia se consolida como a comunidade española con máis rutas distinguidas, cun total de 49 das 128 concedidas no conxunto do país e unha rede de itinerarios azuis que suma xa 319,37 quilómetros.
Neste sentido, Ángeles Vázquez fixo fincapé na importancia de apostar por iniciativas como esta, que supoñen un recoñecemento ao traballo a prol do uso público e sostible do patrimonio natural galego, un obxectivo no que enmarcou tamén a liña de axudas que desde hai anos convoca a Xunta para apoiar actuacións e proxectos tanto de iniciativa pública como privada nestes espazos naturais.
Ao respecto, explicou que, como principal novidade da orde deste ano, se poderán subvencionar tamén campañas de concienciación medioambiental e actividades informativas e de sensibilización relacionadas con calquera dos seis parques naturais.