viernes. 01.05.2026

O pleno da Deputación de Ourense aproba por unanimidade arranxar dúas estradas clave do interior

A proposta do BNG busca mellorar a conexión entre comarcas e frear o despoboamento
somoscomarca_vilariñodeconso_ou0701
O pleno da Deputación de Ourense aproba por unanimidade arranxar dúas estradas clave do interior

O pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para levar a cabo o arranxo integral das estradas OU-0701, que une Ponte Cabalar con Vilariño de Conso, e OU-0908, entre Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

A iniciativa foi defendida polo deputado provincial Xosé Manuel Puga, quen destacou a importancia destas infraestruturas para garantir unhas comunicacións dignas nas comarcas do interior. «Non hai futuro para o interior de Galiza sen estradas en condicións que permitan conectar territorios e fixar poboación», afirmou.

somoscomarca_Xose Manue Puga en Vilariño de Conso xunto a concelleiros de Vilariño de Conso e Viana do Bolo e veciñanza da comarca
Xose Manuel Puga en Vilariño de Conso xunto a concelleiros de Vilariño de Conso e Viana do Bolo e veciñanza da comarca

Durante a súa intervención, Puga puxo o foco no papel estratéxico destas vías para concellos especialmente afectados polo despoboamento, como Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Manzaneda ou A Pobra de Trives. Neste sentido, advertiu de que «non se pode falar de igualdade entre o rural e o urbano mentres existan estradas en estado lamentable que dificultan a vida diaria da veciñanza».

O BNG denunciou o deterioro actual destas vías, con firmes en mal estado, numerosas fochancas, tramos sen asfaltar e curvas perigosas que comprometen a seguridade. Así mesmo, criticou as intervencións realizadas até o momento, que cualificou de insuficientes e sen planificación.

Coa aprobación da moción, a Deputación comprométese a elaborar un plan integral que inclúa a renovación completa do trazado e do firme, así como a mellora dos puntos máis perigosos e a adecuación dos tramos xa ampliados. O obxectivo é executar estas actuacións nun prazo máximo de tres anos.

Ademais, o acordo contempla solicitar a colaboración económica do Goberno central e da Xunta de Galicia para garantir o financiamento das obras, unha cuestión que o grupo nacionalista considera fundamental para que as administracións locais poidan asumir estas actuacións.

Desde o BNG valoran a aprobación como «un logro colectivo da veciñanza» das comarcas afectadas e comprométense a facer un seguimento do cumprimento dos acordos para asegurar que se traduzan en melloras reais no día a día da cidadanía.

Tu prueba Premium ha finalizado

O pleno da Deputación de Ourense aproba por unanimidade arranxar dúas estradas clave do...