
Fátima Estévez é unha das mulleres que se visten de boteiras no concello de Vilariño de Conso. No seu caso, representa ao folión da súa aldea, Castiñeira. Con anterioridade tamén formaba parte do Entroido tocando o bombo e a gadaña, pero dende hai oito anos vístese de boteira.
Recoñece que para ela é un orgullo vestirse, «xa que é a representación do pobo no Entroido». Ademais, facendo alusión a tempos anteriores nos que a muller estaba apartada da «cara visible», explica que «non estaba ben visto que se vestisen nin que tocaran no folión, como é o caso da miña avoa e outras mulleres, ás cales non deixaban saír».

Aínda que non saíran ás rúas como os homes, realizaban unha labor moi importante que era a confección dos traxes de boteiro. «O meu traxe está feito por miña nai e a careta por meu pai», afirma Fátima Estévez.
A familia, como se pode comprobar, é moi importante nesta tradición. No caso desta boteira de Castiñeira, recoñece que habitualmente son os seus pais quenes a axudan a vestirse, aínda que «tamén podería facelo sola, xa que levo bastantes anos facéndoo».

Porén, tamén recoñece que actualmente, nos tempos que corren xa se está chegando a unha igualdade entre homes e mulleres. «A acollida é moi boa, non hai rivalidades», afirma.
O Entroido lévase no sangue, e para Fátima Fernández «é unha cousa que se leva dentro xa que dende que nacemos xa o vivimos». «Eu non podo explicar con palabras o que significa para min o Entroido», recoñece, «acábase o Nadal e xa estás pensando nel todos os días».

Cada aldea ten o seu folión coas súas particularidades
No concello de Vilariño de Conso, cada aldea adoita ter o seu propio folión, menos os pobos do val —Sabuguido, Soutelo e Soutogrande—, os cales están agrupados no denominado, como a súa procedencia indica, Folión do Val.

Na aldea de Castiñeira o traxe de boteiro, neste caso boteira, ten varias particularidades: levan cintas de cores por detrás, flocos e brillantinas. Ademais, tamén se caracteriza polo pantalón, xa que o tecido escollido é o liño en vez do raso dos traxes de boteiros das outras aldeas de Vilariño de Conso.
En canto á organización, Fátima Estévez explica que o máis significativo do folión de Castiñeira é que sempre teñen que ir dous boteiros diante. Ademais, ao pau que se utiliza para retirar á xente e facerlle sitio aos bombos chámaselle “monca”. «Somos moi respectuosos coa xente, intentámola retirar o mais amodo posible», asegura a boteira.
Presenza do folión de Castiñeira en distintos lugares neste Entroido
Neste ano de nova normalidade tal e como se coñecía con anterioridade á pandemia, e despois de case tres anos, o folión de Castiñeira, comezou o seu Entroido hai tres fins de semana. Ata o momento, visitaron as aldeas de Buxán, Carracedo da Serra e Pradoalbar.
Fátima explica que «habitualmente antes dos días grandes, os fins de semana xuntámonos e visitamos distintos pobos, aínda que tamén nos invita algún concello de fóra, agora movémonos máis». As próximas paradas serán Castiñeira —o sábado 11 de febreiro— e A Pobra de Trives —o domingo 12 de febreiro—; para rematar cos días grandes, os cales se desenvolverán na seguinte semana.
