miércoles. 28.05.2025

Melisa Macía, elixida nova presidenta do PP de Vilariño de Conso

Proclamouse presidenta da agrupación do PP de Vilariño de Conso no congreso local celebrado nesta localidade, clausurado polo presidente provincial, Luis Menor
portada_somoscomarca_vilariño_melisa_pp
Melisa Macía, elixida nova presidenta do PP de Vilariño de Conso

Melisa Macía Domínguez (Vilariño de Conso, 1990) foi elixida presidenta da agrupación local do Partido Popular neste municipio durante o congreso celebrado recentemente. O acto foi clausurado polo presidente provincial do PP, Luis Menor, quen puxo en valor a traxectoria da nova presidenta, destacando que «foi, con só 29 anos, unha das alcaldesas máis novas da provincia e mesmo de España».

Menor subliñou tamén que «as gañas de traballar polo seu concello, xunto coa forza que imprime a mocidade», levaron a Macía a encabezar a candidatura popular nas eleccións municipais de 2019, onde logrou a maioría absoluta, resultado que revalidou no actual mandato.

Coa súa elección, apuntou Menor, «refórzase a súa figura como persoa de referencia do partido no territorio», sinalando que os seus principais cometidos serán «fomentar a participación, garantir a cohesión e involucrar a afiliados e simpatizantes no proxecto popular».

Pola súa banda, Melisa Macía destacou que este congreso supón «un importante paso para organizar o partido», e fixo fincapé na vontade de «escoitar a todo o mundo, sexan ou non do PP, que é a base de todo traballo político». Entre os seus primeiros obxectivos figura fortalecer a implicación da militancia e achegar o proxecto popular á veciñanza do concello.

Melisa Macía, elixida nova presidenta do PP de Vilariño de Conso