
Vilariño de Conso viviu unha xornada intensa e chea de emocións este 17 de maio, Día das Letras Galegas. A vila acolleu unha programación cultural diversa e comprometida co patrimonio inmaterial do territorio, destacando a presentación do libro «Terras de Conso. Historia, etnografía e patrimonio», a celebración da Mascarada Ibérica, o IV Festival de Música Tradicional e Popular e actividades complementarias como unha feira de artesanía e unha foliada.
Un dos momentos centrais foi a presentación do libro dos autores José Rodríguez Cruz e Carlos Ares, quen recollen nesta obra o saber transmitido polos veciños e veciñas do municipio. A praza da vila acolleu o acto, no que os autores estiveron acompañados pola alcaldesa Melisa Macía, o editor Rafael Quintía —tamén ilustrador da obra—, Xosé Poldras e un dos veciños que achegaron testemuños recollidos no volume. A actuación do grupo de pandeireteiras locais Ailalás puxo a nota musical á presentación.

A alcaldesa destacou que o libro «recolle todo ese legado das cantigas, dos cantos de pastoreo, das disputas da serra, do pastoreo tradicional… unha verdadeira xoia etnográfica». Subliñou ademais o orgullo de que fose presentado precisamente no Día das Letras Galegas, data que considerou idónea para «render homenaxe á nosa cultura popular e ao noso patrimonio oral». A obra é, en palabras de Macía, «un motivo de orgullo para Vilariño e unha mostra da nosa identidade».

Por outro lado, a Mascarada Ibérica, volveu reunir a grupos chegados de Portugal, Extremadura e outras rexións. A calor foi un dos protagonistas inesperados: «As máscaras sufriron moito», recoñecía Marcos, presidente da asociación Xuntos polo Folión. A pesar das altas temperaturas, a festa desenvolveuse con éxito, combinando máscaras, fulión e música nun evento que xa é referencia do entroido máis auténtico.

O día pechouse co IV Festival de Música Tradicional e Popular, que tivo que trasladarse ao pavillón por mor da chuvia. A alcaldesa expresou que «o festival naceu como unha homenaxe á nosa cultura, especialmente ás cantareiras, e que mellor data para celebralo que o Día das Letras Galegas, este ano adicado precisamente á tradición oral e musical galega». Agradeceu tamén o apoio da Asociación de Música de Galicia, así como a participación dos grupos locais e visitantes.

A alcaldesa salientou que, malia tratarse dun concello pequeno, «temos libro, temos fulión, temos unha banda de música, temos festival… e temos un pobo cheo de cultura».
Un exemplo do futuro que agroma foi a participación de Lara, unha pandereteira de tan só 7 anos que confesaba emocionada: «Gústame cantar porque toco a pandeireta». Aprendeu as cancións coa súa mestra Marian, e forma parte de Ailalás como unha máis.

Vilariño demostrou así que a cultura, a tradición e a música seguen moi vivas, con raíces fondas e novas xeracións listas para continuar o legado.
