Segundo fin de semana de voluntariado en Vilamartín para preservar as captacións de auga tras os incendios

somoscomarca_vilamartin_voluntariado_mulching (4)
Protexer a auga converteuse na prioridade en Vilamartín tras os incendios deste verán, un esforzo colectivo para evitar que os estragos do lume deriven nunha emerxencia ambiental

Vilamartín volve ser foco da loita contra as consecuencias dos incendios do pasado agosto. Esta fin de semana chega a segunda quenda do programa de voluntariado, nesta ocasión, impulsado pola Xunta de Galicia, con 12 mozos e mozas procedentes de distintos puntos do país. O seu traballo céntrase en evitar que a cinza e os restos do monte queimado acaben en mananciais e captacións de auga, un risco cada vez máis evidente tras as primeiras chuvias.

Nesta xornada, os labores están a desenvolverse por riba de San Miguel de Outeiro, concretamente na captación da Fonte da Perdiz. Están levando a cabo un traballo laborioso xa que as pacas de palla están lonxe da zona onde hai que esparexela.

A pasada fin de semana, as actuacións concentráronse na zona de Abelaído, que abastece ás localidades de Valdegodos e Arcos. Alí realizáronse faxinas e albarradas elaboradas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, mentres os voluntarios de ADEGA estendían palla e o equipo da Universidade de Vigo sementaba variedades autóctonas para favorecer a recuperación do solo.

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, valorou positivamente os resultados iniciais. «A palla e as barreiras están filtrando as augas nas captacións e xa se nota a súa eficacia tras as primeiras choivas», explicou. Con todo, advertiu de novos perigos: «Hai zonas e estradas que comezan a presentar arrastres e dificultan a circulación, especialmente na estrada de O Robledo, San Vicente e Cernego. É necesario circular con máxima precaución».

Un problema grave que foi advertido en outubro

A mediados de outubro, os concellos de O Barco, A Rúa, Vilamartín, Petín e O Bolo sumáronse a ADEGA para reclamar medidas urxentes que evitasen unha catástrofe ambiental. Os alcaldes alertaron xa daquela do risco de inundacións, cortes de subministración e arrastres de terra e cinza cara ás traídas de auga.

«Se chove forte, todo sairá arrastrado», asegurara o rexedor de Vilamartín. As súas palabras reforzaban as do secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín: «O impacto ambiental é brutal e a non actuación pode ser motivo ata dun delito medioambiental». Pallín defendeu tamén un voluntariado estable e profesionalizado, «un axente necesario na restauración dos montes queimados».

Un programa en marcha en varias comarcas afectadas

Este voluntariado forma parte dun plan da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinado a concellos con espazos protexidos afectados polo lume. Os traballos comezaron hai dúas semanas en Casaio e Manzaneda, e estanse estendendo á Veiga, Chandrexa de Queixa, Rubiá, Vilamartín e Vilariño de Conso.

As principais actuacións inclúen a técnica de mulching, que protexe o solo con palla de cereais de forma manual nas zonas accesibles, e o aporte de auga e alimento para a fauna salvaxe, moi afectada pola devastación dos lumes.

A Xunta garante aos voluntarios aloxamento, manutención, seguro de accidentes e responsabilidade civil. Os desprazamentos ata o punto de reunión corren pola súa conta, debendo presentarse antes das 20:00 horas do primeiro día de cada quenda.

Unha carreira contrarreloxio

A chegada das chuvias marca o ritmo. Cada día conta para minimizar os danos ambientais e protexer un recurso básico como a auga. En Vilamartín e en toda Valdeorras, o voluntariado e os equipos técnicos continúan traballando a contrarreloxio para que a terra se recupere e a vida regrese aos montes calcinados.

somoscomarca_vilamartin_voluntariado_mulching (1)