
O voluntariado para paliar as consecuencias dos lumes do pasado mes de agosto xa iniciou os traballos nos concellos de Casaio e Manzaneda, territorios especialmente afectados polos incendios devastadores. Tamén se sumaron ás accións voluntarias os municipios da Veiga, Chandrexa de Queixa, Rubiá, Vilamartín e Vilariño de Conso.
Trátase dun programa dirixido aos concellos con territorio dentro dos espazos protexidos de Galicia, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O obxectivo é que o persoal voluntario colabore no desenvolvemento de actuacións para protexer os terreos devastados polos lumes deste verán. Entre as principais intervencións destacan:
Mulching —técnica que permite crear unha protección do solo empregando materiais como a palla de cereais, aplicados manualmente nas zonas accesibles a pé— e distribución manual de alimentos e auga para a fauna, asegurando a supervivencia das especies afectadas.

A Xunta de Galicia cubre os gastos de aloxamento e manutención, así como un seguro de accidentes e responsabilidade civil para as persoas voluntarias. Os gastos de desprazamento ata o punto de reunión de cada quenda correrán por conta da persoa voluntaria, que deberá presentarse antes das 20:00 horas do primeiro día.

Traballos en Manzaneda e Casaio
En Manzaneda, os labores comezaron no arroio da Mourela. Segundo recollen as redes sociais do concello: «Unhas actuacións cheas de gran valor voluntario. Nun vídeo curto amosamos como o voluntariado traballou no talud do curso do rego da Mourela, creando faixas de protección con estaquillas e restos de ramas e troncos queimados. O obxectivo: frear o arrastre de cinzas e evitar que cheguen ao curso da auga. Gran xesto das persoas traballadoras de Abanca, que no seu día libre se achegaron a cooperar. Para a vindeira semana, sumarase tamén voluntariado a través do programa da Xunta de Galicia. O voluntario é esencial, pero tamén o é a acción continua e profesional por parte de organismos e persoal cualificado».

A Xunta e os voluntarios destacan que «toda axuda é necesaria». Así, en Casaio, onte un grupo de voluntarios marchou a Trevinca para colaborar nas labores de protección dos solos tras os incendios. O programa lembra que se precisan actuacións continuas para coidar o noso entorno e protexer os espazos naturais.
