domingo. 30.08.2026

O Polo do Barco impulsa o emprendemento nunha rede que xa contribuíu a crear máis de 150 empresas

A oficina de Valdeorras forma parte dos catro Polos da Xunta na provincia de Ourense, que xa asesoraron máis de 1.400 proxectos e realizaron 5.300 titorías desde a súa posta en marcha
somoscomarca_casaio_poloemprendemento_ecodosteivos (1)
O Polo do Barco impulsa o emprendemento nunha rede que xa contribuíu a crear máis de 150 empresas

O Barco de Valdeorras é un dos catro puntos desde os que a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta acompaña as persoas que buscan poñer en marcha un negocio ou consolidar unha actividade na provincia de Ourense. Unha rede que xa asesorou máis de 1.400 proxectos e contribuíu á creación de máis de 150 novas empresas.

As cifras corresponden á actividade conxunta das oficinas do Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín, segundo o balance feito público este domingo pola Xunta de Galicia.

O servizo permite que unha persoa cunha idea empresarial poida recibir asesoramento gratuíto e personalizado, tanto para estudar a viabilidade e posta en marcha do proxecto como para acompañar negocios que xa están en funcionamento.

Desde o inicio da actividade dos catro Polos ourensáns, os seus técnicos realizaron máis de 5.300 titorías presenciais e telemáticas.

Máis da metade dos proxectos están impulsados por mulleres

O balance permite tamén debuxar o perfil do emprendemento que está chegando a estas oficinas. Máis da metade das iniciativas asesoradas na provincia de Ourense están promovidas por mulleres.

Por sectores, son os servizos os que concentran unha maior porcentaxe dos proxectos, cun 23 %, seguidos pola hostalaría, cun 16 %, e o comercio, cun 13 %.

Precisamente estes dous últimos sectores teñen unha presenza importante no tecido económico de vilas e comarcas rurais, onde a continuidade dos pequenos negocios representa tamén unha forma de conservar servizos e emprego. E non todos os que se achegan aos Polos pretenden comezar unha empresa desde cero.

Evitar que negocios viables pechen por falta de remuda

Un 6 % dos proxectos asesorados están relacionados coa remuda empresarial, unha vía coa que se busca facilitar que negocios que funcionan poidan continuar cando os seus propietarios deciden deixalos.

O obxectivo pasa por conectar a quen quere traspasar ou alugar unha empresa con persoas interesadas en facerse cargo da actividade, evitando así a desaparición de negocios xa asentados no territorio.

A esta liña de traballo súmase o Bono Remuda, incluído na orde unificada de axudas para autónomos da Xunta. O programa conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros e mantén aberto o prazo de solicitude ata o 30 de setembro.

Os Polos ourensáns desenvolveron ademais máis de 840 actividades desde a súa posta en funcionamento, entre reunións con entidades locais, formación e diferentes encontros destinados a crear redes de colaboración.

O emprendemento como ferramenta para fixar poboación

A oficina do Barco forma parte dunha rede que botou a andar en Galicia en xullo de 2022 e que actualmente conta con 15 Polos distribuídos polas catro provincias. No conxunto da comunidade xa foron atendidas máis de 7.100 iniciativas empresariais.

A Xunta pretende agora reforzar este modelo coa futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, coa que buscará identificar as oportunidades empresariais específicas de cada zona e aqueles sectores con maior capacidade para actuar como motores económicos.

Un enfoque que cobra especial importancia en territorios como Valdeorras, onde a creación de novas actividades, pero tamén conseguir que sobrevivan negocios que xa funcionan, pode convertirse nunha ferramenta para manter emprego, servizos e poboación no rural.

O Polo do Barco impulsa o emprendemento nunha rede que xa contribuíu a crear máis de...