martes. 30.12.2025

Valdeorras, motor do emprendemento en Ourense coa Rede de Polos da Xunta

O Polo do Barco consolídase como referencia provincial nunha rede que xa asesorou máis de 1.000 proxectos e impulsou a creación de 110 novas empresas
somoscomarca20250217_manzaneda_poloemprendemento346

O Polo de emprendemento do Barco de Valdeorras eríxese como unha das pezas clave da Rede de polos da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, nun contexto no que este programa autonómico xa leva apoiados máis de 1.000 proxectos empresariais e favoreceu a creación de 110 novas entidades xurídicas no territorio provincial.

Esta iniciativa, impulsada polo Goberno galego e activa tamén en Baños de Molgas, O Carballiño e Verín, ofrece acompañamento individualizado, gratuíto e adaptado ás distintas fases de desenvolvemento a todas aquelas persoas que desexan poñer en marcha un negocio ou consolidar unha iniciativa xa existente. Desde a súa posta en marcha progresiva en xullo de 2022, a Rede de polos converteuse nun instrumento fundamental para conectar o talento local cos recursos dispoñibles no ecosistema emprendedor de cada comarca.

No conxunto da provincia de Ourense, o equipo técnico da Rede realizou arredor de 3.400 titorías, tanto presenciais como en liña, orientadas a facilitar a toma de decisións estratéxicas, mellorar a viabilidade dos proxectos e avanzar cara á súa consolidación. Un labor no que destaca especialmente o peso do emprendemento feminino, xa que o 57 % das iniciativas asesoradas están lideradas por mulleres.

Por sectores de actividade, os proxectos apoiados amosan unha ampla diversidade, con predominio dos servizos (23 %), seguidos da hostalaría (16 %) e do comercio (13 %), reflectindo o potencial emprendedor existente no territorio e a capacidade da Rede para dar resposta a distintas realidades económicas.

A Rede de polos presta tamén un servizo específico de apoio á transmisión de negocios, co obxectivo de garantir a continuidade de empresas viables e evitar o seu peche por falta de remuda xeracional. Neste marco, Ourense conta cun escaparate de proxectos con arredor dunha trintena de iniciativas activas, que facilita o contacto entre persoas interesadas en ceder ou asumir negocios en funcionamento.

O dinamismo dos Polos na provincia, e en particular o papel vertebrador do Polo do Barco de Valdeorras, reflíctese tamén nas preto de 500 actividades desenvolvidas ata o de agora, entre accións formativas, encontros con entidades locais e eventos de dinamización económica e social.

A Rede de polos de emprendemento constitúe, ademais, un dos eixes fundamentais da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio da Xunta de Galicia, cun horizonte 2030, orientada a potenciar o talento local, fixar poboación e dinamizar a economía nas catro provincias galegas. Unha aposta recoñecida coa distinción a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que consolida a Valdeorras como un referente no impulso ao emprendemento de proximidade.

Valdeorras, motor do emprendemento en Ourense coa Rede de Polos da Xunta