
San Xoán de Río conmemorou o Día Internacional da Muller Traballadora cun programa de actividades centrado na visibilización do emprendemento feminino e na igualdade de oportunidades. Como nos últimos anos, o concello organizou unha xornada con iniciativas para poñer en valor o papel das mulleres na sociedade e fomentar o seu protagonismo no desenvolvemento local.
A actividade central foi unha mesa redonda protagonizada por tres mulleres que, a pesar de non seren orixinarias de San Xoán de Río, elixiron este municipio para establecerse e desenvolver os seus proxectos. Elisa, profesional do sector financeiro; Zaira, emprendedora de Levante dedicada á cosmética natural en Terras de Trives; e Jana, terapeuta especializada en atención a adultos e nenos, compartiron as súas experiencias e motivacións para apostar polo rural como espazo de desenvolvemento profesional. O alcalde, Xosé Miguel Pérez, destacou a importancia de dar a coñecer historias inspiradoras que sirvan de exemplo e alento para outras mulleres.

Tras a mesa redonda, os asistentes participaron nunha comida popular no pavillón municipal, un espazo de convivencia aberto a toda a cidadanía. Segundo destacou o rexedor, "a igualdade é cousa de todos, e por iso queremos que este tipo de eventos sexan inclusivos e participativos". A xornada pechouse cunha sesión de música e baile, combinando as reivindicacións do 8M cun ambiente festivo para celebrar os avances acadados.
Un mes de marzo con actividades pola igualdade
Ademais desta xornada, o Concello de San Xoán de Río programará outras iniciativas enmarcadas no mes da muller. O día 13 de marzo acolle unha charla sobre educación financeira enfocada nas mulleres do rural. "Elas accederon máis tarde á independencia económica e é importante que coñezan ferramentas e estratexias para xestionar os seus recursos", sinalou Xosé Miguel Pérez.
Outro dos fitos destacados foi a elaboración do primeiro Plan de Igualdade municipal, un documento no que traballaron conxuntamente os servizos sociais do concello e a consellería correspondente. A previsión é que se aprobe nun pleno especial antes de finalizar o mes, marcando un punto de inflexión na política local de igualdade. "Este plan será un antes e un despois para San Xoán de Río", asegurou o alcalde.
Por último, o municipio postulouse para ser Capital Europea da Inclusión e a Diversidade co proxecto "Mulleres de Río", unha iniciativa que busca recoñecer o labor das mulleres do rural e potenciar novas oportunidades de desenvolvemento para elas. Con este conxunto de accións, San Xoán de Río reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis igualitaria e con novas oportunidades para as mulleres no rural galego.